Máxima tensión en Balarés, O Couto, Brantuas e Corme por un incendio forestal que xa supera as 55 hectáreas

Tarde de máxima tensión na zona de Ponteceso. Arredor das 16:00h unha explosión nunha liña de alta tensión provoca un apagón na zona, e xusto no momento un incendio forestal. O primeiro foco rexistrábase enriba da rotonda do Couto cara Balarés e Corme, e dende aí foi tirando cara o sur azuzado por un tremendo vento do nordés con refachos de preto de 75km como os rexistrados na estación de Camariñas, un dos máximos da xornada en toda Galicia.


De contado, xa antes das 18:00h, por mor do fume e da posible propagación do lume, os efectivos de emerxencias desaloxaban varias vivendas en Balarés, e a todas as persoas que estaban no areal, usando unha pista dirección Corme. Coches que tiñan que saír despois pola estrada de Brantuas, sen poder atravesar a estrada que une Corme e Ponteceso.

O 112 mobilizaba para a súa extinción unha boa marea de efectivos: 1 técnico, 6 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio e 3 helicópteros. Pero co vento non daba feito, e ás 20:00h a Consellería de Medio Rural informaba de que o incendio seguía activo e xa se superaban as 55 hectáreas.
O fume e o cheiro pasaba de Muxía cara o sur.

Varios focos

A cousa non quedaba. Se ben o primeiro pareceu fortuito, pola tarde xurdía estranamente un novo foco na agra do Couto, pero foi controlado, e pasadas as 21:00h sumábase un segundo foco na zona de Brantuas, poñendo en perigo vivendas da zona de Faro ou Niñóns, pola forza do vento.

Os efectivos seguiron traballando pola noite, mentres por toda esa zona do norte de Ponteceso estaba pendentes do que pasaba. Mesmo o Concello de Ponteceso puxo a disposición o pavillón de Corme para as persoas desaloxadas ou os visitantes que durmían en autocaravanas..
Actualizaremos a nova a primeira hora da mañá. Polo de pronto agradecemos a todas as persoas que nos enviastes fotos e vídeos, para que poidamos ir contando a situación.


