Néstor Rego traslada en Corme as medidas urxentes que o BNG vai propoñer para combater a suba de prezos
Acolleu este venres a Confraría de Corme un acto do BNG. O deputado no Congreso, Néstor Rego, mantivo un encontro coa veciñanza cormelá para informar sobre a actividade política na cámara baixa, centrándose nas medidas urxentes que propuxo o BNG para paliar as graves consecuencias que está causando a suba disparada dos prezos na economía da Galiza e impedir o empobrecemento das clases populares. A organización nacionalista entende que "é preciso controlar e estabilizar o prezo e mesmo estabelecer axudas para os sectores agrícola, gandeiro e pesqueiro, que se están a ver enormemente afectados".
Un dos primeiros servizos que sufriu a alza dos prezos, xa desde 2021, foi o eléctrico, por iso debe ser un dos sectores prioritarios nos que o Goberno debe actuar. “O sector eléctrico precisa dunha reforma profunda se queremos ver cambios na factura” subliña o deputado nacionalista, a comezar pola intervención pública do mercado para botar man dos beneficios “chovidos do ceo” das eléctricas e o control os prezos para garantir o acceso á enerxía como “un ben básico” e que se produce con recursos públicos. Rego demanda a rebaixa permanente do IVE de enerxía eléctrica “a 4%, por tratarse dun ben de primeira necesidade e a retirada da factura daqueles conceptos que non están vinculados á xeración de enerxía e que a sobrecargan”.
Sumado a estas medidas no sector eléctrico, o deputado explica que é preciso tamén levar a cabo un “control do prezo dos hidrocarburos con medidas como a redución temporal dos impostos a estes combustíbeis, así como fixación de prezos máximos para a súa comercialización”.