O #InForum marcará os límites con 4 voces de primeira liña


“Quen marca os nosos límites?”, será o lema da segunda proposta deste proxecto #inFórum15 no que poderemos escoitar a grandes exemplos de superación, e que se celebrará o xoves 12 de marzo no Forum Carballo. Xa sabemos que Alberto Lloverá será o primeira espada, pero estará escoltado por 3 grandes do deporte español, como son o tenista Martín Varela Dourado, o cormelán xa coñecido por toda a vola; o xogador de baloncesto Manuel Cantelar e o copiloto de rally Manuel Ríos.
Todo na segunda entrega do inFórum15, que non só mantén o nivel dos poñentes da primeira, senón que propón un gran reto aos participantes. Se no primeiro inFórum15 o obxectivo era transmitir as claves necesarias de facer un uso axeitado das redes sociais, tanto a nivel particular como empresarial, neste caso o que se pretende é que os asistentes reflexionen sobre a importancia de marcarse retos e de relativizar os límites físicos e mentais que moitas veces nos autoimpoñemos.
O deportista andorrano Albert Llovera, todo un exemplo de superación que vén de participar no Dakar 2015, é parapléxico dende os 18 anos, pero iso non lle impide competir ao nivel máis alto en rallys, demostrando que con esforzo e superación non hai límites. Con el estarán Manuel Cantelar, xogador de baloncesto adaptado dende 1991, despois de quedar en cadeira de rodas tras sufrir un accidente de tráfico con só 19 anos. Comezou no Nós Culleredo e estivo a piques de entrar na Selección Nacional. Dende o 2004 milita no Abeconsa Basketmi. E agora vén de participar na creación da agrupación de deporte adaptado Un paso máis, en Carballo. Aínda que non é o seu forte, tamén disputou torneos nacionais de tenis, en cadeira de rodas, con Martín Varela Dourado, outro dos convidados.
O cormelán Martín Varela tamén foi vítima dun accidente de tráfico que o deixou sen unha perna aos 19 anos. Tamén comezou no Nós Culleredo de baloncesto, pero os éxitos chegáronlle grazas ao tenis. Hoxe é unha das mellores raquetas do noso país. Xa leva 7 copas do mundo e un mundial de selección en Holanda, pero xa ten outro reto: as paraolimpiadas de Brasil 2016.
Manuel Ríos Rial naceu sen extremidades. A súa historia está marcada pola súa afección ao motor, tanta que non parou ata conseguir sacar o carné de conducir. Traballa nun desguace onde todo o persoal é discapacitado e agora é copiloto de rally.
Tamén para as escolas
Para sensibilizar aos máis novos sobre a necesidade dunha condución responsable, pola mañá celebrarase no Pazo da Cultura unha xornada específica para estudantes dos últimos cursos dos institutos, os que máis axiña se anotarán nas autoescolas para sacar o carné de conducir. Grazas á colaboración da autoescola San Martín e da escudaría Máis Motor, os mozos e mozas terán á súa disposición un parque de tráfico moi especial, con simuladores que lles permitirán experimentar a sensación dun coche envorcado ou dunha colisión. Unhas gafas especiais cedidas pola Cruz Vermella permitiranlles comprobar, ademais, en que medida diminúen as nosas capacidades co alcohol.
O parque de tráfico estará dispoñible para os alumnos dos institutos carballeses no aparcamento do Pazo da Cultura a partir das 10 horas, sempre coa supervisión de monitores especializados. E ás 12 os mozos terán a oportunidade de escoitar no auditorio a interesantísima experiencia vital de Albert Llovera.
Inscrición
Como na primeira sesión do inFórum15, as persoas interesadas en participar na xornada do día 12 teñen que inscribirse previamente. Para ilo poden acceder ao formulario dispoñible na páxina web do Concello de Carballo (www.carballo.gal (abaixo á dereita)) ou no código QR que figura nos propios carteis.
Axudas
Paralelamente dende o Forum infórmannos de que Consellería de Traballo e Benestar publicará a Convocatoria de Axudas Iniciativa Xoven. Esta liña de axudas está dirixida tanto a mozos/mozas de entre 18 e 30 anos, como a asociación xuvenís e entidades sen ánimo de lucro que lle presten servizos á mocidade. O obxectivo é conseguir que estes colectivos poidan desenvolver ideas e transformalas en proxectos.
E para informarse ben o GDR Bergantiños organiza o vindeiro xoves, 26 de marzo de 2015, ás 19:00h no Forum de Carballo unha charla informativa en colaboración coa Rede Galega de Dinamización Xuvenil.
Cómpre inscribirse un correo electrónico a info@adbergantinos.org indicando o nome, apelidos e un teléfono de contacto das persoas interesadas, ou ben chamando ao nº de teléfono 981 70 73 77.
Novas relacionadas
- O II #inForum volve con Albert Llovera como cara máis visible.
- Manuel Ríos Rial: o heroe do ralli galego:
- Entrevista de David Lourido: Martín Varela: “Para a Xunta non son deportista de alto nivel”.
- #inForum: En internet, 20 minutos é moito. 20 horas é un mundo.
Fonte
- Concello de Carballo.