Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Os discapacitados somos nós

Os discapacitados somos nós
Cheo no Forum Carballo para o inFOrum

Eso é o que nos queda despois de coñecer as experiencias de 3 deportistas de elite como Manuel Varela, Manuel Ríos e Albert Llovera. 3 figuras que fan da súa discapacidade, virtude, e que conseguen superar toda clase de retos e metas que se propoñan. Todo no marco do #inForum15, que puidemo seguir polo twitter, e que volveu encher o Forum Carballo como na primeira xornada.

Non puido estar o veciño carballés e xogador de baloncesto Manuel Cantelar por problemas de saúde. Pero a xornada deu para moito, e foron dúas horas, presentadas polo presidente da Asociación ÍNTEGRO, Adolfo López Baña, nas que todos os asistentes aprendemos moitas cousas. A máis importante, que os límites só existen nas nosas cabezas, e que superalos depende integramente de nós mesmos.

Martín Varela, buscando ser o primeiro bergantiñán nunha Olimpiada

O cormelán Martín Varela, tenista en cadeira de rodas, no inForum15

Menuda a historia de Martín Varela, que pode ser a de tantos rapaciños do rural galego, aos que aos 19 anos, sendo un rapaz tremendamente activo (”non paraba, andaba subido polas pedras…”, se lle cruzou un tractor cando ía en moto. “Eu perdín unha perda e o amigo un brazo”. Martín explicou como foron aqueles primeiros meses. “Ao principio fun contra o mundo, non cría que podía ter pasado a min. Pero gracias a estar rodeado de xente que me empurrou cara adiante, puiden ir para adiante”.

Lembra a primeira vez que voltou a facer o que estaba facendo daquela, pinchar nunha disco. “O meu xefe sacoume da casa e me meteu na disco. Ao principio estaba incómodo porque a xente me miraba, pero acostumarse a iso leva un proceso”. E aí foi clave a súa ambición. “Eu sempre cando fago quero ser o mellor. E escollín o tenis por casualidade, pola prensa. Vin unha noticia a Álvaro Illobre, que agora é compañeiro na Selección Nacional, e alá empecei con poucos medios e o meu irmán Esteban tirándome bolas na pista de cemento de Corme. Eu non collín unha raqueta ata os 23 anos, e iso é moi tarde, pero tiña na cabeza que quería gañar e fun a por todas. Tivo sorte de que primeiro partido tiven sorte que me puxeron un aínda peor ca min, e por iso seguín!”, recorda.

E en poucos anos, xa en Korea, en Brasil… “Representando a Corme, a Galicia e a España. Nunca pensei que podía chegar ata aquí e agora teño amigos por todo o mundo. E servir de inspiración para os dous campións do mundo junior, se mo dis hai anos, non o crería”.

Por iso, Martín teno claro: “Os límites están na túa cabeza. E eu, a pesar de todo, Son feliz!!!Axudoume ver xentes con discapacidades peores disfrutando da vida. Eu nunca deixei de facer nada pola miña discapacidade. O que hai facer é adaptarse. E todo é adaptable.”

E alí marchou, cara Madrid, a unha nova concentración da Selección Nacional. #DalleMartín!

Campaña de fondos

Pero si que hai un límite na vida de Martín, os cartos. “O único límite que teño son os euros. Agora a miña meta é chegar ás Paraolimpiadas de Río 2016, eu estou mellor que nunca fisicamente, pero levo intentando conseguir fondos, e só chego ao 25% do que precisaría para competir de verdade. E iso que somos un produto fantástico de marketing para as empresas. Sexamos realistas, como non se dan conta as empresas? #ponincojoentuvida vende”, fala Martín sen cancelas.

Un Martín que xa non cre nas axudas. “Danchas cando estás clasificado para as Paraolimpiadas e eu as necesito para clasificarme”. Un Martín que ten “o ego cuberto con tanta experiencia Internacional, pero agora me gusta ir polos coles co "non corras na moto" que é moi necesario”.

Iso si, hai unha cousa que ten clara: “Somos deportistas. Non son unha persoa en silla de rodas xogando ao tenis; son un tenista e levamos silla de rodas porque somos moi chulos”.


Manuel Ríos, piloto de rallys

Incrible a historia de Manuel Rios

Posiblemente a que máis impacta dos tres sexa a historia de Manuel Ríos. E iso que non foi a Korea, nin ao Dakar, o máis lonxe que saíu da terra foi a Madrid. Pero ver a Manuel Ríos, dun metro de altura e sen brazos, como se desenvolve como unha persoa totalmente normal, é unha auténtica pasada.

Dende Sigüeiro, dixo cousas tremendamente certas. “A miña historia é algo distinta, porque eu xa nacín así. E fun adaptando o entorno ás miñas capacidades. En todo caso, se todos foramos coma eu, o mundo seguiría sendo mundo, porque se tira a chambota (cabeza), todo va cara adiante”. Que grande!

E fala de superación. ”Eu xa andaba no tractor de pequeno. Pero en tráfico non me deixaban sacar o carnet e tiven que ir varias veces, despois tiven mercar o coche e adaptalo antes de saber se me ían deixar sacalo. Pero fun alí, demostreille que podía conducir e me deixaron facer o exame”.

”E pouco a pouco me metín no ralli cun colega. Todo é o que teñas na perola. Non sabíamos nin como ía apuntar eu de copiloto. Pero fumos tirando sobre a marcha. De repente propuxeronme poñerme de piloto nun coche. E o primeiro día, janar non janei, pero último tampouco quedei”.

”A verdade as trabas nolas poñen todas a sociedade. Por exemplo, para traballar é imposible. Eso é unha pena. Hoxe hai xente con todas as pezas, como digo eu, que tamén están comendo merda, pero hai moita xente coma min moi válida sen poder facer nada. A ver se co tempo os discapacitados son mais capacitados e menos disca”, contaba antes de poñer a súa pequena e impactante documental.


Albert Llovera, superando metas e chegando ao Dakar

Albert Llovera no inForum Carballo

A cara máis visible a nivel internacional deste #inForum15 é o andorrano Albert Llovera. Un rapaz que medrou xa con aspiracións e que chegou a ser olímpico con só 17 anos, en modalidade de esquí. “Porque estaba en Andorra, claro”. E esa cita foi clave. “Flipei co espectáculo e decidín aí que ser un gran deportista. Traballei arreo e xa empezaba a destacar. Ao ano seguinte, Campionato do Mundo, puntuei nas dúas primeiras e na terceira, na meta, eu baixaba a 105km/h e choquei. Estopoume todo por dentro”, cóntanos como foi o accidente que o deixou en silla de rodas. Iso foi hai 30 anos, e xa me dicían daquela aquelo de “dentro de un ou 10 inventarán algo para andar…” De feito, “cando saín do hospital me dixeron, aproveita a vida que vas vivir 20-22 anos. Xa levo 30 e non teño pinta de morrer”, bromea, demostrando que os límites dependen de ti mesmo.

Volta a empezar. “Tardei 3 anos en recuperarme do esternón e unha gran lesión medular. Teño mesmo problemas de erección, para mexar... O de non andar é o de menos”, recoñece. “Eu pensaba que ía vivir das miñas pernas e de repente, as miñas pernas deixan de vivir. Había que cambiar de ruta!.

E despois de pasar por EEUU facendo de “conejillo de indias” para unhas probas, de xogar ao baloncesto de primeiro nivel, volveu a Europa. E aí a figura da súa nai tórnase fundamental. “Miña nai me levaba a conducir, e me decantei cara o automobilismo e o esquí ten moito que ver. Empecie a rodar coa miña nai, e despois, antes de ir á disco, íamos ás carreiras nos aparcadoiros das estacións de esquí de Andorra. E de repente corría tan rápido como os que competían e me dixen: “eu quero competir.”

Pero aí chegaron as primeiras trabas sociais. “Na Federación me dixeron que non de podía. Á terceira me dixeron que ían revisar as normas. Tras pedilo unha e outra vez, déronme a licencia. E empezo a competir no máis barato, a copa peugeot. E a metade de temporada, o meu colega me dixo, cando empezas a correr? Porque iamos suave para que non nos pasase nada. Empezamos a correr e comezamos a gañar e na última carreira gañamos o título. Eso deume unhas ás tremendas. Daquela eu non só quería ser o tipo rápida do pueblo. Eu quería saír. E saín a buscar”.

Aprendeu a conducir ao límite nos circuitos, e xa gañaba pero “non me divertía porque estaba cheo de pijos, e teño gañas de facerlo cabra”. E tivo a ocasión de ir a un mundial de rallis de terra, algo con máis sona. “Estando con Sainz, Peterhanssel… Un día Solberg me dixo: “Albert, non sabes o ben que nos vés, porque todos pensamos que podemos quedar coma ti. E agora que te vemos estamos máis tranquilos porque non ha de ser tan malo”.

Deu o paso ao Dakar e contou historias verdadeiramente duras, pero demostra ter unha forza impresionante. Como a da súa filla, que xa é olímpica en atletismo.

Unha demostración de poderío.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios