luns. 21.07.2025
El tiempo

Contra vento e marea, o percebe do Rocundo volveu gañar

A Conselleira co Patron Maior Roberto Vidal na Festa do Percebe do Roncudo
A Conselleira do Mar co novo Patrón Maior de Corme, Roberto Vidal na Festa do Percebe do Roncudo
Contra vento e marea, o percebe do Rocundo volveu gañar

Nada pode co Percebe!! A gran festa de Corme (Festa de Interese Turístico Galego dende 2014 e aspirante a obter a mesma distinción a nivel nacional) volveu relucir coma sempre o fai. E iso que en maio aínda non sabía se había festa ou non; e iso que o mar estivo bravo nestas pasadas semanas; e iso que o vento provocou que o escenario principal non se puidese abrir.

Con todo, “pelexamos contra vento e marea, o o percebe gañou”. Así o recoñece o que volve ser o patrón maior de Corme, Roberto Vidal Pombo. O percebeiro volveu tomar o mando da festa cando máis o necesitaba,e xunto con outro ex patrón, e unha serie de persoas vinculadas a entidades como o Club do Xubilados, o Coro, ou a Asociación de Veciños Eduardo Pondal, salvaron esta 33 edición dunha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia.

Así o recoñecía a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que puxo datos sobre a mesa: As lonxas galegas comercializaron en 2024 máis de 230 toneladas de percebes, acadando un valor no mercado próximo aos 9 millóns de euros. Toda unha potencia.

Este ano, a intención da organización e do Concello era potenciar precisamente a parte gastronómica, e evitar os botellóns e as grandes bacanais do alcohol que ultimamente fagotizan a tradición. E foi un éxito. As carpas degustaron máis de 2.000 racións (uns 700 kilos) a 30 euros, acabando con todas as existencias de percebe, pero tamén de empanadas e demais.

Se ben para o vermú a festa foi aínda máis familiar, a partir da tarde xa se foi quecendo e a xuventude tivo tamén o seu tempo para gozar do Percebe das pandillas.

Pregón futboleiro

As xogadoras do Corme CF pregoeiras da Festa do Percebe do Roncudo 2025
As xogadoras do Corme CF pregoeiras da Festa do Percebe do Roncudo 2025

Un dos momentos máis emotivos foi o pregón. Como no Carme de Camariñas, o Fútbol da Costa tomou protagonismo e foron as xogadoras do Corme CF, campión da Liga da Costa e novo equipo da 2ª Div. Fem, as pregoeiras. A Organización preparoulles un bus descapotable, e chegaron como se viñesen de gañar a Champions atravesando a vila entre coreos. “Disfrutárono moito, estaban emocionadísimas”, recoñece a alma do equipo, Gini Vidal.

Foron unhas orgullosas Ana Suárez, Olalla, Carla Pose, Irene, Natalia e Aroa as que leron o pregón, demostrando que lle “poñen peito ao que veña, xa sexa un derbi ou unha ración de Percebe do Roncudo”. Lembraban que máis da metade das xogadoras do equopo aínda non naceran no 1992, cando se fixo a primeira festa do Percebe, ese “pequeno tesouro das nosas pedras, ese bicho feo coma el solo pero máis bo ca unha sesión vermú co Tren da Unha, que xa é decir…” Calificaron os percebes de Corme como “os Rosalía de Castro do marisco. Os Messi dos crustáceos, os Chanel nº5 das lonxas…”

A Conselleira co Patron Maior Roberto Vidal na Festa do Percebe do Roncudo en bus
As xogadoras do Corme CF chegando en bus ao pregón

Non esqueceron poñer en valor o traballo das “nosas percebeiras e percebeiros, xente valente como poucas. Xente que se enfronta ao mar como nós nos enfrontamos aos equipos rivais: con garra, con cabeza e sabendo que cada despiste pode salir caro. Esa xente que colle os camiños da ribeira mesmo cando o mar parece querer comelos. A todas esas persoas queremos hoxe mostrarlles o noso respecto e admiración, porque co seu traballo sosteñen unha parte fundamental da economía do noso pobo”.

Porque en realidade, “moitas das que estamos aquí temos ou tivemos familia no mar: pais, nais, avós, avoas, tías, primos... Hai quen antes de saber facer un reghate xa sabía diferenciar un percebe mexón dun percebe de calidade".

Pensando no ano que vén

A Confraría asumirá o mando, o ano que ven si, da Festa e espera poder organizar a 34ª edición con máis tempo.

Máis novas

Comentarios