Sábado. 18.09.2021
El tiempo

A Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras e Petón do Lobo levan o conflito eólico até o Parlamento Europeo

Simulacion dos eolicos do parque da Salgueiras sobre o Esteiro do Anllons e o Monte Branco
Simulación dos eólicos do parque da Salgueiras sobre o Esteiro do Anllóns e o Monte Branco
A Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras e Petón do Lobo levan o conflito eólico até o Parlamento Europeo

Un representante da Plataforma en Defensa das Salgueiras e de Petón do Lobo reclamará este xoves a atención das eurodeputadas sobre a invasión eólica na Costa da Morte durante unha intervención na Comisión de Peticións.

O Parlamento Europeo respondeu afirmativamente a unha petición da asociación ecoloxista Petón do Lobo para que o conflito que se está a vivir pola ameaza dunha instalación eólica no concello de Ponteceso, que linda coa Rede Natura, sexa debatido en Estrasburgo.

Roberto Vilela, activista de Outes, será o encargado de expoñer diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo as demandas das veciñas e veciños de Ponteceso e outras localidades da contorna afectadas polo proxecto das Salgueiras, que invade unha área de gran riqueza patrimonial (as paisaxes pondalianas e un conxunto megalítico), paisaxística e natural (o esteiro do Anllóns, as Brañas de Gondomil, os Cantís do Canteiro...), zonas con protección LIC e ZEPA.

A Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras, impulsora da mobilización veciñal contra o proxecto, sinala que a afección paisaxística é moi severa e que non hai posibilidade material de evitala colocando aeroxeradores nesa zona.

Petón do Lobo e a Plataforma pola Defensa do Monte As Salgueiras pedirán ao Parlamento Europeo que se pronuncie en contra da tramitación do Parque Eólico das Salgueiras. Os comisionados debaterán nas próximas semanas a demanda veciñal que este xoves trasladará Roberto Vilela. A súa intervención, prevista para as 9 horas da mañá, poderase seguir en directo.

NOVAS RELACIONADAS

comentarios