Martes. 19.03.2024
El tiempo

Ponteceso desenvolverá un plan de de Ecoturismo coa axuda do GAC

Ponteceso desenvolverá un plan de de Ecoturismo coa axuda do GAC
O Grupo de Acción Costeira vén de dar luz verde ao proxecto Os Camiños do Mar, presentado polo Concello de Ponteceso aos fondos europeos GAC para poñer en valor dous roteiros turísticos nos que se mesturan a natureza, a cultura e as novas tecnoloxías para desenvolver un produto axeitado aos atractivos do territorio vencellados ao mar. Dende o Concello pontecesán aseguran que con Os Camiños do Mar se pretende a recuperación e a posta en valor de todo o tecido inmaterial vencellado ao entorno mariñeiro que ten como escenario o territorio que comprende espazos como O Roncudo, a vila de Corme, a enseada de Valarés, ou o esteiro e a ribeira do Anllóns, entre outros lugares de interese. As actuacións están baseadas no aproveitamento dos recursos de xeito sostible, co obxectivo de evitar a creación de novas infraestruturas e co fomento da recuperación das existentes en harmonía co entorno. O proxecto foi deseñado pola empresa Aporta Comunicación e conta cun orzamento de 160.000 euros, que foron financiados íntegramente polo GAC 3. Entre outras actuacións desenvolverase un roteiro que unirá a capital municipal con O Roncudo, e que descorrerá pola ribeira. No percorrido instalaranse puntos de información accesibles mediante códigos QR que permiten acadar documentación divulgativa. Segundo Óscar Rey, “Pretendemos facer un roteiro orixinal, e que, en certa medida, sexa como un museo ao aire libre”. I é que o turista poderá ir camiñando e atoparase con puntos de información. Se utiliza un teléfono móbil con acceso a internet poderá escoitar locucións que lle guíen na ruta. O concelleiro popular asegurou que o traballo realizado neste proxecto baséase “deseño dun xeito innovador de vivir o sendeirismo, actividade que segundo as estatísticas, é das máis demandadas entre os turistas que se achegan á Costa da Morte”. Non queda aí a cousa, xa que ademáis do sendeirismo, o proxecto contempla actuacións específicas para os hostaleiros e os profesionais do sector, coa intención de que “sexan parte activa do programa”, segundo Rey Calo. Seguindo a Pondal “Temos magníficos atractivos, non só o inigualable percebe do Roncudo. Estamos a falar de patrimonio natural, cultural ou etnográfico que fan desta bisbarra un espazo con personalidade propia”, sinala Óscar Rey. Neste senso destaca a potenciación do roteiro Val Nativo adicado á figura de Eduardo Pondal e que foi impulsado dende a Fundación adicada ao bardo pontecesán. O proxecto investirá recursos na súa promoción e posta en valor. Aínda que o programa ten como fin o desenvolvemento dun atractivo para o visitante, os beneficios destas melloras tamén servirán para fomentar o coñecemento dos recursos da zona entre os veciños de Bergantiños. “É moi importante que os que vivimos aquí gocemos do noso patrimonio. Coñecendo o que temos seremos moito máis sensibles ante a necesidade de conservación e protección”, dixo o responsable de Turismo. Segundo Rey, “grazas a actuacións coma esta fomentarase a posta en marcha de empresas relacionadas co turismo activo e a actualización e mellora competitiva de negocios relacionados coa hostalaría no municipio.”

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Ponteceso.

Comentarios