O PP de Ponteceso tamén denuncia ante a Fiscalía as gravacións na alcaldía
Xa pasou máis dun ano dende as poémicas gravacións na alcaldía de Ponteceso, filtradas o pasado mes de outubro. Pero os ecos seguen resoando no absolutamente roto pleno municipal. Se os edís chantaxeados de Ponteceso xa se querellaban contra o alcalde e contra La Voz de Galicia naquel mes de outubro, esta semana facíao o PP.
Os populares consideran que todo o acontecido no último ano podería ser “constitutivo dun delito contra a intimidade e contra a administración pública”, por iso piden “á Fiscalía que investigue a instalación de cámaras e as gravacións realizadas” e filtradas sobre certas conversacións privadas entre os concelleiros. “Temos denunciado esta situación en múltiples foros, e agora cremos que é o momento de que as autoridades xudiciais investiguen o que está pasando en Ponteceso”, asegura o voceiro popular Daniel García Cotelo. “Levamos xa demasiado tempo aguantando unha situación que cada vez ten menos camiños de solución, e os nosos veciños non merecen un goberno que só está preocupado polos seus intereses e baixo sospeita de actuar fora da lei”.
Tras intentar recibir unha explicación do alcalde, así como a fallida comisión de investigación, dende o PP consideran necesaria a intervención da Fiscalía.
Novas relacionadas
- Protección Civil de Ponteceso pide axuda á Xunta para acabar con situación de ingobernabilidade.
- Xullo 21: A oposición pontecesá volve á carga contra un ausente alcalde.
- 9-10-2020: Os edís chantaxeados de Ponteceso queréllanse contra o alcalde e contra La Voz de Galicia .
- 27-10-2020: Carballido cambia a Xunta de Goberno e a Provincia Socialista abre expedientes aos 3 edís gravados con cámara oculta.
- 26-10-2020: Marco Varela: “Vergonza”.
- 25-10- 2020: Chantaxe ou montaxe?.