“Queren expropiar fincas que xa levan meses ocupadas polo novo parque eólico de Corme”

Esta pasada semana os propietarios afectados pola polémica repotenciación do Parque Eólico de Corme recibía unha carta para citalos no Concello de Ponteceso para o acto previo do proceso de expropiación. Unha carta que recibiron os propietarios que non asinaron (no seu día foron 108 os veciñ@s que si firmaran) aínda o contrato coa empresa EDP, e que terán que personarse no Concello os días 13 e 14 de outubro e 10, 11 e 12 de novembro.
Seguramente haberá propietarios que decidan asinar a expropiación e rematar con este lío, pero outros continuarán a súa loita contra as malas prácticas das empresas eólicas. Así nolo confirma Ramón Dourado, un dos afectados, que xa presentou no seu día un escrito para que se declare a caducidade do procedemento da declaración de utilidade pública do parque eólico de Corme (rexeitada pola Consellería de Industria a pesar de que o procedemento recolleu máis de 150 alegacións de veciños dos lugares de Castelo, Campaíña, Das Rosas, Matovello, Curros das Cabras, Camposiña, Campo Rocundo, Curro, Agra do Curro…), que asegura que serán varios os veciños que non asinarán.
”Queren que asinemos a expropiación de fincas que xa están ocupadas, tanto polo parque novo como polo vello”, denuncia. “Outros teñen 100 metros de estrada pola súa finca que agora queren expropiar. Como se explica?” pregúntase indignado.
Levantar acta
Por iso, dende a Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme, invitan aos veciños que non queiran asinar a que leven ao alcalde e a un representante da Xunta ata a súa finca para levantar acta onde se vexa como está a súa finca nestes momentos. Un levantamento de acta que será un trámite previo á demanda xudicial, unha vez que con este proceso de expropiación remata a vía administrativa.
Dende os afectados seguen denunciando que as débedas históricas seguen sen saldarse, e mesmo hai un caso en proceso xudicial.
Dende a empresa EDPR responden ás nosas preguntas con este “a compañía estase limitando a cumprir as directrices do Goberno da Comunidade Autónoma”.
Novas relacionadas dos Parques Eólicos de Corme
- Agosto 2020: Esixen a modificación do proxecto eólico das Salgueiras polo impacto visual e a aparición de novos elementos patrimoniais
- Abril 20: A veciñanza presenta alegacións ao Parque Eólico das Salgueiras.
- 31-03-2020: Desmontando o parque eólico de Corme en pleno estado de alarma.
- Febreiro 2020: Os veciñ@s afectados polo parque eólico de Corme esixen o pago dos atrasos e dos "vuelos”.
- Novembro 19: "Levamos 19 anos sen saber que un viravento invadira as nosas fincas de Corme”.
- Novembro 19: “Afectados polo Parque Eólico somos todos os veciños de Corme e o seu patrimonio”: