Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Suso Lista publica o seu segundo libro, Xeixos, con sabor ao mar salgado de Corme

Suso Lista publica o seu segundo libro, Xeixos, con sabor ao mar salgado de Corme
Suso Lista publica o seu segundo libro de relatos Xeixos

A alegría invade o mar sempre que nace outro libro salgado. E máis cando ademais o seu autor é parte da mar. É o caso de Suso Lista, o percebeiro cormelán que saltou á fama como actor en varias series de televisión, pero que a día de hoxe cambiou a ferrada pola pluma. Ou polas teclas do seu ordenador, que escoitan tan simbólicas como simpáticas historias de Corme.

Editado de novo por Edicións Embora, o segundo libro de Suso Lista chámase “Xeixos”, e segue a liña de “Salseiros”, colocando ao pobo de Corme como gran protagonista dunha infindade de situacións peculiares. O día 8 de xullo xa estará por todas as librarías do país para deleite dos que disfrutamos deses pequenos relatos que tan ben describen a curiosa idiosincrasia cormelá, galega e mundial.

Parece que atopou Suso un camiño claro, despois de ser escollido como Terceiro Mellor Autor do Ano pola revista Fervenzas Literarias, e quen o queira comprobar que se faga con calquera destas dúas xoias.

Manuel Lourenzo sobre Suso Lista

Esta é parte do prólogo do libro, de Manuel Lourenzo:

Moi duro debe resultar o inverno en Corme para que o seu cronista principal sexa un percebeiro que un día, vendo a resignación da xente na terra, decidiu ollar para este lado e contarnos o que acontecía.
A normalidade nunca parece cousa desta parte do mundo, adestrada no vivio da réplica… “Só no fondo do mar nunca chove. Nin hai vento”.
Nestes trinta relatos ou pequenas crónicas dun Corme que desvela o mundo enteiro, a sensatez non é un valor que nos compense dos absurdos punzantes da vida… Polo contrario, é un fundamento a partir do cal apuntan, atolados, os soños que todo o confunden, que todo o clarifican…
Quen, tras ter lido estas belas crónicas, nunca poderá negar a Suso Lista nun lugar cimeiros nas nosas letras?

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios