A Xunta amplía o alcance do Plan de Risco de Inundacións en Ponteceso
Acollía onte o parque de San Martiño, localizado na zona inundable do río Anllóns en Carballo, a presentación das novidades do Plan de xestión de risco de inundación 2028-2033 (PXRI). A Xunta, despois da avaliación preliminar da situación dos ríos galegos desde este punto de vista, presentou as principais propostas de Augas de Galicia que desde hoxe se someterán a consulta pública durante tres meses co fin de recompilar as posibles achegas de entidades e cidadáns para minimizar os efectos dos asolagamentos sobre o territorio, a economía e a poboación.
Tras a revisión e actualización realizada por Augas de Galicia e a análise de todos os episodios de asolagamento rexistrados entre os anos 2018 e 2023, proponse a inclusión de dous novos tramos como ARPSI: un de 1,1 km no río Serantes na súa desembocadura en Mera (concello de Oleiros) e outro de 0,6 km no rego dos Corrais, concretamente no punto de afluencia na Malata, en Ferrol.
Ademais, o Plan suxire tamén a ampliación da ARPSI de Ponteceso en 3,7 km, para incluír o rego do Cruceiro e o do río Pouso, xa que os estudos de xestión do risco de inundación xa redactados así o recomendan.
Convenio entre Augas de Galicia e Concello de Carballo
Cun investimento de case 450.000 euros, as obras de remodelación integral do parque de San Martiño, no río Anllóns, déronse por rematadas recentemente e tiñan como fin principal a construción e instalación de elementos de protección ante posibles avenidas. Unhas obras no marco do Plan de xestión de risco de inundación 2021-2027, que prevé un importe global de 15,3 millóns de euros.
Trátanse en total de cinco obras, dúas xa rematadas e o resto en marcha, cun investimento previsto de 6,3 millóns de euros que se financiarán con fondos da Xunta integramente.
O organismo hidráulico está tramitando a redacción do proxecto para a demolición da ponte de San Martiño-rúa Igrexa e nova ponte da rúa San Xoán Bautista de Carballo, unha actuación que melloraría tamén o comportamento hidráulico do río na zona urbana.
Máis novas