Venres. 26.04.2024
El tiempo

O deporte feminino conquista Santa Comba

O deporte feminino conquista Santa Comba
conquista-elementos-santa-comba O edificio multiusos de Santa Comba acolleu onte unha das actividades do programa "Conquista os Elementos" da Deputación da Coruña O concello de Santa Comba - xunto cos de Ordes e Narón - foi onte unha das paradas do programa de visibilización e impulso do deporte feminino da Deputación da Coruña “Conquista os Elementos”.  O edificio multiusos da capital do Xallas acolleu onte á tarde a actividade “Historia, presente e futuro do deporte feminino”. Despois da proxección do documental “Contra os elementos”, a investigadora da Universidade da Coruña, Cristina López, e a adestradora de fútbol sala, María Bardanca, achegaronlle ao público algunhas das súas experiencias persoais e profesionais vencelladas co mundo do deporte. O programa “Conquista os elementos”, que promove a área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña continúa co seu roteiro polos concellos da provincia co ánimo de incrementar a visualización do deporte feminino, rachar cos estereotipos de xénero e contribuír ao recoñecemento do traballo e esforzo das mulleres deportistas. Próximas paradas A seguinte parada será hoxe na Casa da Cultura de Ordes; unha xornada que comeza ás 10:00 horas co video-forum “Muller e talento deportivo”. Unha nova cita en que a patinadora Natalia Naya, e a taekuondista ordense, Tania Gándara, relatarán como foron as súas exitosas traxectorias deportivas e como na actualidade seguen en contacto coas súas modalidades deportivas. Xa pola tarde, a responsable do equipo feminino de fútbol S.D O Val de Narón, e o ximnasta, Bruno Saavedra, participaran no acto “Visibilizando o deporte feminino”, que dende as 19:00 horas albergará o Auditorio do Pazo da Cultura de Narón, para achegar a súa visión sobre dous deportes –o  fútbol e máis a ximnasia - que en pleno século XXI aínda se vén sometidas, por unha parte da sociedade, á tiranía dos estereotipos de xénero. O programa “Conquista os elementos” da área de Igualdade da Deputación da Coruña é un proxecto que ten por obxecto  fomentar a participación da muller no deporte, promover cambios nos medios de comunicación á hora de abordar a información deportiva feminina –tanto no tempo que lle dedica como na linguaxe escrita e icónica que emprega-, coeducar en valores como a igualdade de oportunidades, eliminar estereotipos e promover a equiparación entre o deporte feminino e masculino. Co ánimo de acadar estes obxectivos, durante o ano 2018, diferentes deportistas galegas e persoas relevantes do mundo do deporte achegaran as súas experiencias vitais e profesionais até cada un dos 23 concellos da provincia que se adheriron á campaña en prol da visibilización do deporte feminino da Deputación da Coruña. Fonte

Comentarios