Martes. 30.04.2024
El tiempo

20 novos postos farán aínda máis atractiva a feira de Santa Comba

Feira de Santa Comba
20 novos postos farán aínda máis atractiva a feira de Santa Comba

A tradicional feira de Santa Comba, que se celebra cada sábado anterior ao primeiro domingo do mes e os luns seguintes ao segundo e terceiro domingo de cada mes, está a revivir nos últimos tempos.

A corporación liderada polo alcalde Alberto Romar aposta por unha revalorización do mercado local e de proximidade, que considera un activo imprescindible tanto no eido económico como no social. “A feira de Santa Comba sempre foi un referente comarcal, un punto no que mercar, pero tamén un importante polo de encontro que dinamiza a vida municipal”, comenta o alcalde, que tamén é consciente de que o esforzo para potenciala e mantela viva depende do interese e dos esforzos promovidos polo consistorio.

Comitiva local na Feira de SAnta Comba

“Tíñamos a impresión de que nos últimos tempos a feira foi deixada de lado, por iso un dos nosos compromisos era recuperala e revalorizala, así empezamos un plan estratéxico baseado nunha política clara e de contacto directo co tecido empresarial e asociativo para poder mellorar tanto na oferta como nas condición que podemos ofertar aos feirantes. Pero tamén traballamos na ordenación municipal, para ofertar máis espazo de aparcamento, así como una política clara de limpeza e acondicionamento das distintas zonas, pensando tamén nos visitantes. E é un orgullo ver que os esforzos están dando os seus froitos”.

Grazas a esta promoción que fixo fincapé na redistribución dos espazos e nas sinerxías entre os distintos participantes, nos próximos meses o número de postos incrementarase con unhas vinte novas incorporacións. Postos de alimentación, produtos frescos, téxtil, marroquinería, produtos para a horta e moitos outros seguirán ampliando unha das feiras máis importantes e concorridas da comarca do Xallas, na que participa a poboación local e un nutrido grupo de vendedores e visitantes que chegan dende toda a provincia.

Comentarios