Martes. 30.04.2024
El tiempo

3.212 sinaturas esixen unha reforma integral do CEIP Barrié de la Maza

Presentacion sinaturas ANPA Xallas
3.212 sinaturas esixen unha reforma integral do CEIP Barrié de la Maza

Continúa a batalla das familias de Santa Comba pola reforma integral do seu centro de ensino. O CEIP Barrié de la Maza cumpre en novembro deste 2024 os seus 50 anos, e sofre un abandono secular que impide o bo funcionamento do mesmo. Pingueiras, problemas coa calefacción, humidades… provocan numerosas incidencias ao longo do curso afectando ao día de a día de 416 nenos e nenas.

Ante esta falta de apoio, a ANPA Xallas está inmersa nunha campaña para conseguir esa reforma, e despois dunha concentración con máis de 300 persoas ás portas do Colexio, veñen de presentar no rexistro do Parlamento de Galicia unha solicitude amparada por 3.212 sinaturas. Unha cifra tremendamente sigificativa, tendo en conta que en Santa Comba hai 9.365 habitantes.

“Para recoller as firmas tivemos que esgotar as zapatillas deportivas”, explican dende a ANPA. “Se só asinaran os de Santa Comba, estariamos a falar dun 34% da poboación da cidade que apoia a petición. Isto sen descontar os menores de 18 anos, nin os maiores que non poidan asinar ou non saian da casa. Por iso, na ANPA Xallas estamos orgullosos e agradecidos polo apoio de todos os veciños e veciñas que se sumaron a esta importante causa para celebrar o cincuenta aniversario do noso colexio cunhas instalacións dignas”.

No escrito dirixido ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez e aos diferentes grupos parlamentarios que integran a recentemente renovada cámara autonómica, lembran que levan 4 anos pedindo a reforma, e mesmo en abril de 2023, nunha reunión con Indalecio Cabana, Xefe Territorial de Educación, trataron polo miúdo a necesidade de obras no centro. Ao mes seguinte, o asunto foi debatido pola Comisión de Educación do Parlamento e daquela a maioría dos deputados votou desgraciadamente en contra dunha modificación dos orzamentos para levar a cabo a reforma.

”Despois dun ano de discusións, non hai explicacións para a inacción. É urxente que se retome o compromiso asumido pola Xefatura Territorial. Que se leve a cabo a planificación, orzamento e execución da reforma integral do CEIP Barrié de la Maza”, esixen.

“En febreiro de 2224 fixemos unha manifestación para reclamar unha resposta onde reunimos preto de 300 persoas. Agora en marzo, mobilizamos á comunidade educativa e recollemos sinaturas de apoio á reforma integral do colexio. Non imos descansar ata que a Xunta de Galicia non nos responda e anuncie as medidas necesarias. O dereito á educación pública dos nosos fillos e fillas non pode verse ameazado polas malas condicións do edificio”, avisan as familias decididas a conseguir a reforma custe o que custe.

Máis novas

Comentarios