mércores. 30.04.2025
El tiempo

Radio Xallas aumenta a programación local

Xose Manuel Lema e Huelvis
Xose Manuel Lema dirixe a emisora e conta con Huelvis como un dos colaboradores
Radio Xallas aumenta a programación local

A radio municipal de Santa Comba, Radio Xallas, recupera o pulso tras o parón de verán e faino ademais ampliando a súa programación. Os veciños de Santa Comba e a súa área de influencia poderán conectarse ó 107.5 de FM (tamén online dende a web municipal ou dende listaradio) a partir das 10:00 da mañá, hora na que se informará dos principais titulares da prensa galega.

A continuación Xosé Manuel Lema encargarase do Espazo musical adicado a ritmos diferentes cada día da semana. Así, o luns será o tempo das bandas e outras músicas, o martes das melodías máis actuais, o miércoles do rock e o heavy, o xoves das orquestras e o venres do folk.

Ás 11:00h da mañá ofrecerase un informativo con noticias a nivel autonómico e dez minutos despois chegará un magacine que cada día estará adicado a un tema específico. Xosé Manuel Lema falará con expertos sobre o agro os luns, nutrición e saúde os xoves e o mundo animal os venres; mentres que José Manuel Vázquez ‘Huelvis’ tratará de desvelar as claves turísticas da contorna cada martes e José María Suárez ocupará un espazo sobre consumo os mércores.

A música regresa á parrilla de Radio Xallas ás 11:30 da man de Manuel Vilariño que se centrará nos ritmos dos anos 70, 80 e 90.
E de novo a información con noticias locais centrará a programación ás 12:00 da mañá intentando desgranar tanto o xa acontecido como anunciando a axenda das próximas actividades, ó tempo que se dará conta das previsións do tempo, as ofertas de emprego e ata das esquelas.

A continuación, e xa para pechar a xornada, Radio Xallas emitirá un programa deportivo chamado Santa Comba en xogo que presentará Roberto Carlos Suárez ‘Ruper’ os luns e o venres, os martes será o turno de José María Suárez con Recunchos da historia e o mércores haberá entrevistas con persoeiros destacados do municipio no espazo chamado “Xalleiros que” correrá a cargo de Xosé Manuel Lema, quen tamén se encargará do programa do xoves adicado ás empresas asentadas en Santa Comba.

Con estas novidades Radio Xallas pretende ofrecer unha programación de tres horas áxil e atractiva para despertar o interese dos veciños de Santa Comba e a súa contorna.

Comentarios