Venres. 26.04.2024
El tiempo

Un roteiro con Pepe de Xan Baña para reflexionar sobre a emigración

Roteiro Pepe Xan BAÑA 1
Un roteiro con Pepe de Xan Baña para reflexionar sobre a emigración

Santa Comba focalizou o Día das Letras Galegas na súa figura principal. O Concello ten unha campaña completa arredor da figura de Pepe Xan da Baña co gallo do 150 aniversario do seu nacemento. Xa tomamos un café co zucre de Pepe, xa coñecimos o certame literario e hoxe imos repasar o roteiro celebrado este pasado domingo.

Medio centenar de persoas (entre elas Alba González Duarte, bisneta dunha sobriña do poeta de Varilongo) participaron nesta ruta que serviu para dar a coñecer como este escritor homenaxeaba coas súas rimas á súa terra, ós seus paisanos ou á toponimia. A guía, responsable de Normalización Lingüística do Concello, Patricia del Castillo, comezou contando a historia deste emigrante que foi dependente de adega, seminarista, propietario dun restaurante, poeta, xornalista, comerciante, mestre… pero sobre todo un dos escritores que cultivou o galego na emigración durante a súa estadía en Cuba.

Os 12 km de ruta arrincaron na ermida de San Bartolomeu, lugar ó que o autor fixo varias referencias nos seus escritos. A alcaldesa María Pose, e o concelleiro de Educación, Manuel Iglesias, acodiron ao lugar e este aproveitou para recitar algúns versos de Pepe de Xan Baña.

Roteiro Pepe Xan BAÑA 1 1

A continuación o grupo achegouse ó cemiterio de Santa Sabiña, donde están enterrados os pais de Pepe de Xan Baña e que ten un especial significado porque no ano 1921, cando cruzou de novo o charco para visitar a súa Santa Comba natal, o poeta non deixou pasar o seu labor altruista aportando vinte mil pesetas da época para investir neste camposanto da súa parroquia. Daquela aproveitou a súa estadía para impartir dúas conferencias: unha no colexio Cuba da Baña e outra na feira de Santa Comba, que serían publicadas nun folleto á súa volta á illa caribeña.

Unha das paradas máis emotivas foi no monte do Cuzo, ó que Pepe de Xan Baña acudía de rapaz para coidar as ovellas, que era a principal ocupación que tiña na súa casa despois de ir só tres anos á escola. A súa amplia formación chegaríalle xa en Cuba da man do Seminario, no que ingresou tres anos despois de chegar, aínda que non finalizou a carreira eclesiástica. A súa faceta profesional derivou posteriormente ó xornalismo sendo a man dereita de Curros Enríquez, unha das figuras do Rexurdimento, traballando con el no diario La Tierra Gallega que fundou o autor de Celanova na Habana. Son moitos os que consideran que a obra de Curros non sería a mesma de non ser pola influencia de Baña Pose, quen tivo unha importante presenza na prensa cubana, tanto en xornais locais como nos periódicos da colectividade galega. Foi redactor do semanario Follas Novas e colaborador no Diario de la Marina, Diario Español e Santos e Meigas.

O roteiro seguiu o seu camiñar e despois de realizar unha nova lectura da súa obra na casa que o viu nacer o 4 de xaneiro de 1872, fíxose unha reflexión profunda cerca de Santa Sabiña. Ós pés dunha palmera, símbolo indiano por excelencia, os asistentes falaron sobre o trato case que humorístico que Pepe de Xan Baña dedicaba á emigración aínda que por veces tamén amosaba o desarraigo que ocasionaba.

Á metade da andaina incorporouse un grupo de alumnos do Colexio Rural Agrupado para entender mellor quen era Pepe de Xan Baña e encargarse nas seguintes clases de explicarllo ós seus compañeiros.

Máis acción

Precisamente nestes días os escolares de Santa Comba están a plasmar nun debuxo a súa idea sobre o poeta e xornalista local nas láminas que recibiron para participar no concurso e que levan impresa unha pequena biografía de Pepe de Xan Baña máis un dos seus versos e unha ilustración coa súa figura, o que axudará a que os estudantes se identifiquen co autor xalleiro.

Haberá despois, o día 2 de xunio, ás doce e media da maña, un acto central no colexio que leva o nome de Pepe de Xan Baña no que ademáis de descubrir unha placa terá lugar a entrega dos premios do concurso de debuxo destinado a alumnos de Infantil e Primaria.

Novas relacionadas

Comentarios