Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Santa Comba celebra a IV Carreira Clásica Gandeira con un record absoluto de inscricións

  • “A carreira máis enxebre e autóctona de toda Galicia”.
Carreira Gandeira 2024-Santa Comba
Santa Comba celebra a IV Carreira Clásica Gandeira con un record absoluto de inscricións

O percorrido, que transcorre en tramos de asfalto e outros de terra, atravesando, literalmente, cinco explotacións gandeiras (catro no percorrido da 10K e unha no da 3K), é o punto máis singular da IV Carreira Clásica Gandeira de Santa Comba. "Unha carreira popular única en Galicia, distinta e distintiva" que se celebra este domingo 24 de marzo no concello xalleiro.

Patricia Rodriguez Concelleira PSOE Santa Comba
Patricia Rodriguez, Concelleira PSOE Santa Comba

"Este ano tratamos de potenciar ese carácter autóctono e diferencial para ofrecerlle aos participantes a mellor experiencia posible. Por un lado a nosa intención é tratar de conxugar neste evento a esencia da nosa contorna, unindo deporte e territorio de maneira orgánica para pór en valor o que nos fai especiais, e por outro o que pretendemos é mellorar ano tras ano no nivel de satisfacción dos corredores, fuxindo quizais dunha posta en escena tan vistosa como en edicións anteriores para centrarnos no que máis nos importa, que son a parte deportiva e a participativa”, di a concelleira de Deportes, Patricia Val.

E parece que a estratexia está funcionando, porque este ano o número de inscritos subiu de xeito espectacular, dos 420 do ano pasado ata os 764 atletas desta edición. “Atoparnos ao peche de inscricións con ese número foi unha alegría inmensa, porque permite ter un reforzo do traballo que viñemos facendo. O feito de adherirse ao circuíto da Deputación é seguramente un factor que axuda a aumentar o nivel competitivo e, consecuentemente, favorecer o incremento das participacións. Despois tamén hai que ter en conta o valor da promoción, que hoxe en día é indispensable. Temos a sorte de contar con un club, o CorreXallas, que fai un labor fantástico neste aspecto, así como tamén con un alcalde que é o mellor embaixador dos eventos do concello e que consigue ofertar ese plus de comunicación que intriga e motiva. Sen esquecer o esforzo para coidar os detalles e o percorrido, que en si xa é un reclamo”, prosegue a concelleira de Deportes.

O incremento no número de inscritos foi remarcable. En todas as categorías, dende a de Pitufos, ata a 10K, a participación subiu máis dun 40 por cen. Dende a organización agardan que o domingo máis de un millar de persoas desfruten con un evento deportivo que contará con atletas de renome no circuíto como Amador Pena, Martin Regueira, Tina Fernández, Fran Pais, Amira Simón ou Esteban Díaz. “É un luxo poder contar con algúns dos mellores corredores da zona, tanto polo que aportan a nivel competitivo como tamén pola motivación e a ilusión que crean para os demais participantes que poden correr ao seu lado. De feito, unha das cousas que queremos potenciar na Clásica Gandeira é o seu carácter integrador: que poidan desfrutar os corredores e as corredoras de todo os niveis, tanto os pros como aqueles que se marcan o reto de achegarse ao mundo das carreiras pedestres”, di Patricia Val, que tamén agarda “que o domingo de ramos bote raíces para que Santa Comba poida converterse nunha cita destacada e obrigada dentro do circuíto das carreiras en Galicia”.

As carreiras comezarán ás 10:30 co 1K das categorías sub 10 e sub 12. A continuación, ás 10:45, sairá a 3K e ás 11:25 será a categoría Pitufos a que se lanzará apolos 300 metros do seu percorrido, para finalizar ás 11:40 coa saída da concorrida 10K. Ao finalizar a proba raíña procederase á entrega de premios na que se repartirán máis de 100 trofeos entre todas as categorías en un montante de máis de 700 Euros en premios económicos.

Comentarios