A comitiva do ABC de Corcubión lembra en Vimianzo o traballo da emigración pola educación
Xa os vimos en Cee a semana pasada, pero a visita da comitiva da Asociación Benéfica Cultural (ABC) do Partido Xudicial de Corcubión, da capital bonaerense, foi completa. Como contabamos estes días visitam a nosa terra nunha xira de celebración do 90 aniversario, e onte chegaban ao concello de Vimianzo.
Ás 11.30 horas chegaba á praza do concello o grupo galego-arxentino, capitaneado polo presidente da Asociación, o vimiancés Carlos Óscar Ameijeiras Miñones. O alcalde agardaba a chegada da comitiva acompañado dos gaiteiros da Asociación Cultural Trubisquiña ao son do Himno do Antigo Reino de Galicia.
A continuación subiron con Manuel Antelo á alcadía onde tivo lugar a benvida ao concello e as palabras de emoción por parte dos emigrantes ao lembrar como tiveron que deixar unha vida atrás para loitar por saír adiante nunha terra descoñecida lonxe da súa familia. O alcalde destacou a importancia do ABC de Corcubión no noso concello, e en todo o partido xudicial de Corcubión, xa que desde a emigración loitou pola educación na nosa comarca, entre outras cousas coa decisión adoptada pola asociación nunha asemblea en 1929 onde acordaron crear unha escola en cada un dos concellos do partido xudicial.
Non todas as escolas se puideron levar a cabo, e foron construídas catro destas escolas, unha delas a escola Labarta Pose de Pasarela (Vimianzo), ademais das de Estorde (Cee); Nemiña (Muxía); Suarriba (Fisterra). O alcalde acompañou a comitiva a visitar esta escola, que aínda que xa non funciona como centro de ensino segue mantendo actividade cultural promovida desde o concello e desde a Asociación de Veciños de Pasarela.
En Casa Paco aproveitaron para facer unha parada para calmar o calor da xornada e compartir lembranzas dos veciños e veciñas emigrados, antes de continuar camiño para a visita ao castelo de Vimianzo.
Na fortaleza medieval puideron ver as artesás do liño e do panillo que lles explicaron o seu traballo artesanal, que moitos dos presentes lembraban da súa infancia.
Pola tarde continuarían visita turística polo concello visitando aqueles lugares que o presidente traía no pensamento desde que saiu do aeroporto bonaerense: o Monte Faro, San Bartolo, os Batáns do Mosquetín, etc. Un día de lembranzas e emocións compartidas cos veciños da quinta provincia galega, sempre presentes na nosa historia e nas nosas vidas. Non hai un veciño de Vimianzo que viaxe á Arxentina e volva sen pasar polo ABC de Corcubión.
Artigos relacionados
- Lonxe de Montevideo, con Manuel Suárez Suárez: Unha muller no temón do Centro Galego de Bos Aires.
- Lonxe de Montevideo, con Manuel Suárez Suárez: O noso embaixador honorario en Bos Aires.
Novas relacionadas
- Os membros do ABC de Corcubión coñecen as súas raíces.
- Colleitando os sons de Corcubión e Fisterra dos anos 50.
- Unha boa e unha mala de centros galegos en Bos Aires.
- Un cuarto da poboación da Costa da Morte vive fóra.
- De Carnota a Astoria, con Manuel Vilar.
- Cando naceu o nome da “Costa da Morte”?.
Fonte
- Concello de Vimianzo.