luns. 19.05.2025
El tiempo

A Costa da Morte retratada pola Costa da Morte

A Costa da Morte retratada pola Costa da Morte
Costa da Morte de Lois Patino

Quixo retratar Lois Patiño a auténtica, a verdadeira, a máis enxebre, brava e salvaxe Costa da Morte. O director vigués do filme-documental ”Costa da Morte“ aterrou coa súa compañeira Carla Andrade para intentar sacar a parte máis indómita da nosa bisbarra. E o resultado foi esta documental que xa leva percorridos 70 festivais de cine de todo o mundo, colleitado 15 premios de gran importancia, e mesmo ten pegado o salto á gran pantalla.

Unha visión particular, dende logo, pero realista. A presencia da crú tempo, do gris inverno, das prácticas laborais en plena natureza… faise tan patente no filme que, por momentos, chega a invadir as nosas almas de tristura, de melancolía.

Un xeito de ver a Costa da Morte que está xerando controversias na veciñanza da Costa da Morte. Hai quen non se agocha en dicir que lle encanta esta brava visión. Pero tamén hai que utiliza as redes sociais para criticar a súa visión “triste”.

Esta semana, o Concello de Vimianzo conseguía traer, cal Lucarno ou Venecia, aos autores do filme. Un Lois Patiño e Carla Andrade, que estiveron durante 4 meses vivindo en Vimianzo e filmando a nosa bisbarra, volvían a “casa” para expoñer o filme. E atoparon co público máis esixente, máis duro, dos 70 festivais que levan percorrido este par de vigueses que, simplemente, retrataron súa visión dunha zona simbólica e esquecida como a nosa.

A conexión emocional dos veciños coa bisbarra provocou reaccións controvertidas durante a proxección. Algún se levantara do Auditorio ao pouco de comezar a proxección. Outros protestaron durante a mesma e houbo quen alzou a voz no coloquio para criticar a amargura da cinta. Iso si, poucos quedaron a escoitar ao propio autor.

Unha nova demostración da falta de altura de miras da sociedade costeira que, no canto de agradecer que leve o nome da nosa bisbarra por todo o mundo, protestamos por non reproducir a Costa da Morte máis viva, máis alegre, máis simpática. É unha simple visión dun artista sobre a nosa bisbarra. Pode non gustarnos non cremos que debamos sentirnos ofendidos e respostar con ofensas.

Máis información

Novas relacionadas

Novas cinematográficas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios