Alza Voz de Muller convida ás participantes a co-crear o evento compartindo as súas experiencias

O I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte “Alza Voz de Muller”, que se vai celebrar en Vimianzo os días 6 e 7 de xuño, pretende ser un espazo de encontro, reflexión e acción colectiva no que se pretende impulsar novas formas de desenvolver as traxectorias profesionais de mulleres desde unha perspectiva transformadora.
Por iso, habilitouse un espazo de participación activa no que as mulleres profesionais e emprendedoras están chamadas a co-crear o evento a través do relato das súas propias experiencias. Non se trata só de asistir, senón de formar parte. De alzar a voz e ser parte activa dunha iniciativa creada por e para elas.
Neste contexto, desde a organización do evento convidan ás mulleres a compartir historias reais, imperfectas e valentes e enviar eses relatos persoais que falan de esforzo, aprendizaxe, desafíos, caídas e logros. “Trátase de que coñezamos todas esas historias que nacen da experiencia individual de cada quen, pero que son, ao mesmo tempo, colectivas e transformadoras. Porque o persoal tamén pode inspirar, abrir camiño e facer comunidade”, aseguran.
As experiencias pódense enviar a través de mensaxe directa na conta de Instagram oficial do evento (@alzavozdemuller) ou por correo electrónico ao enderezo comunicacion@alzavozdemuller.com. A participación está aberta a todas aquelas que sintan que teñen algo que contar, un proceso que compartir ou unha vivencia que poida facer eco noutras mulleres e que permitan coñecer eses momentos de liderado que marcaron un punto de inflexión; os éxitos que chegaron tras un gran esforzo; as decisións que implican riscos e cambios; os obstáculos que obrigan a traballar o dobre para ser valoradas igual; as reflexións que nacen dun tropezo, etc.