As escolas de Vimianzo comezan o seu programa cultural con Antón Mouzo
En marcha está o programa das escolas culturais que o Concello de Vimianzo artella para os centros de ensino da bisbarra. E comezou esta pasada semana coa visita guiada á Exposición de Antón Mouzo en Vimianzo por parte de 63 nenos e nenas de 3º e 4º de primaria do CEIP San Vicenzo de Vimianzo.
Os nenos e nenas chegaron á Casa da Cultura ás 10 da mañá onde foron recibidos polo alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo e pola técnica de cultura, Nieves Lema. A continuación a encargada de guiar os rapaces e de descifrarlles os segredos dos cadros do pintor vimiancés, Puri Lema, licenciada en Belas Artes, instruíu os rapaces no mundo da arte, cunhas breves nocións teóricas, antes de comezar coas actividades programadas.
Os nenos e nenas puideron ver os cadros da exposición, realizaron un traballo de investigación buscando información sobre Antón Mouzo na biblioteca e, para rematar, elaboraron un mural colectivo inspirado na obra do pintor vimiancés.
Programa das Escolas Culturais
Pero non quedan aí as propostas culturais para os centros educativos do Concello. Dende o día 13 de outubro ata o mércores día 16 do mesmo mes está aberto o prazo de inscrición para as escolas e obradoiros culturais do concello de Vimianzo, que presenta algunhas novidades.
Ás xa tradicionais Escola de panillo e Escola de teatro que se viñan organizando desde o concello en anos anteriores, engádense tres novas escolas culturais e dous obradoiros, todos eles de sete meses de duración, desde novembro de 2011 ata maio de 2012.
A Escola de música, que só contaba con pandeireta, amplía o abano musical, tanto en música tradicional, con gaita e percusión (para nenos e adultos), coma na música clásica, con música activa para os máis pequenos (5 a 7 anos) e linguaxe musical, piano e violín para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Hai ademais un espazo para a música coral coa actividade Coro infantil-xuvenil (entre os 6 e os 16 anos), que contará cunha proba de acceso para poder participar.
A Escola de danza, que continúa con bailes de salón para os adultos coma en anos anteriores, tamén aumenta a oferta con baile tradicional galego para nenos e adultos.
Outra das novidades desta programación é a Escola de gravado para adultos do concello de Vimianzo.
Obradoiros en marcha
Ademais a programación cultural oferta dous Obradoiros de arte: un de debuxo, para adultos e nenos e nenas a partir de 10 anos, e outro de pintura, para adultos e nenos e nenas a partir de 5 anos.
Outra das novidades que presenta esta programación son as Vimitardes para nenos e nenas entre os 3 e os 12 anos con actividades de entretemento como manualidades, xogos de mesa, cine, etc. Estas Vimitardes organizaranse tanto na Casa da Cultura de Vimianzo coma nas parroquias do concello que o demanden.
A vindeira cita será este mércores, a partir das 11:00h da mañá, e os protagonistas serán os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO do IES Terra de Soneira, que participarán no Programa de difusión social do Castro das Barreiras.
Novas relacionadas
- As mazás de Bamiro, Denominación de Orixe.
- En marcha o Programa de Difusión Social do Castro das Barreiras.
- VimianZoo, Distrito Friki.
- Vimianzo presenta un completo programa cultural de outono.
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Vimianzo.