mércores. 28.05.2025
El tiempo

O Asalto ao Castelo tira de orgullo veciñal irmandiño

Asalto 1
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira; o portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial; Marta Miñones, da Asociación AXVALSO; Maica Suena, de CHERINKAS; e Damián Álvarez, de Terra de Soneira CD – Legua Irmandiña; e Pablo Castro, integrante do grupo Alana.
O Asalto ao Castelo tira de orgullo veciñal irmandiño

O Castelo de Vimianzo acolleu esta mañá a presentación de todos os detalles da programación dun dos eventos máis agardados do ano na comarca: o Asalto ao Castelo. Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, a celebración terá lugar o 4 e o 5 de xullo e combinará múltiples actividades para todos os públicos.

O portavoz da organización do Asalto, Manuel Rial, comezou debullando o programa e sinalando “o gran orgullo que significa para todos e todas nós presentar, un ano máis, un cartel destas dimensións feito polo asociacionismo, por veciñas e veciños”. Adiantou que “aínda quedan moitas sorpresas por desvelar” e agradeceu “o compromiso de todas as persoas que hai detrás da organización desta festa”.

VIMIANZO - PRESENTACIÓN ASALTO AO CASTELO Manuel Rial
Manuel Rial

Pablo Castro, integrante do grupo Alana, destacou a “emoción” de actuar por primeira vez nun festival “ao que levo vindo de público desde pequeno. Para nós é un auténtico orgullo ser os encargados de dar o pistoletazo de saída o sábado e agardo que todo o mundo goce da nosa música”.

Cristina Landeira, en representación da hostalaría vimiancesa, puxo en valor que os Pinchos Irmandiños cheguen este ano á súa 16ª edición incorporando novidades “seguimos exprimindo as ideas para que cada ano poidamos desfrutar de cousas novas mantendo a esencia dos Pinchos Irmandiños, únicos en Galicia. Por iso, este ano teremos opcións veganas e sen glute, así como outras novidades que iremos desvelando proximamente”.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, agradeceu “o incansable traballo de todas as persoas que traballan, ao longo de moitos meses, para que esta primeira semana de xullo sexa tan grande para Vimianzo” e puxo en valor “o orgullo de que sexa un equipo humano o que mantén viva unha celebración tan especial e única coma esta. Cada vez máis fálase a nivel autonómico desta celebración, e iso non sería posible sen o esforzo da organización e de todos os patrocinadores e colaboradores”.

VIMIANZO - PRESENTACIÓN ASALTO AO CASTELO Monica Rod
Mónica Rodríguez

Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, asegurou que “seguiremos traballando e colaborando co Asalto para facelo cada vez máis grande. Sodes un exemplo de evento no que se fala de festa, de gastronomía, de cultura... e todo desde un punto de vista sustentable” e animou á cidadanía a “gozar da música, do deporte, da gastronomía e de todo o que significa o Asalto ao Castelo”.

Asalto 2
Xosé Regueira 

O programa deste ano

Do 23 de xuño ao 4 de xullo terá lugar un campamento infantil con temática medieval, transmitindo ás xeracións máis novas a paixón coa que se vive no municipio o Asalto ao Casteo.

A última fin de semana de xuño comezarán a quecer os motores para a gran celebración. O venres, día 27, ás 22:00 horas haberá unha homenaxe sonora virtual polo X aniversario do disco colectivo Irmandiño Son. Ese mesmo día ás 23:59 remata o prazo de inscrición para o I Certame de Microrrelatos Irmandiños.

O sábado 28 de xuño, o Patio de Armas do Castelo acollerá a conferencia de Manuel Gago ‘As Revoltas Irmandiñas: entre o Mito, a Memoria e a Historia”.

A Legua Irmandiña chega á súa IX edición consolidándose coma unha das citas máis agardadas da programación. Representando ao Terra de Soneira CD, Damián Álvarez mostrou o seu entusiasmo cunha nova edición que “comezará cos Pitufos e que contará coas diversas categorías, que rematarán, un ano máis, gozando no Castelo dun solpor único”.

Mostra de Artesanía

Xa en xullo, do día 1 ao 6 poderase gozar no Castelo, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 da Mostra de Artesanía ao Vivo, que permitirá aos asistentes gozar da tradición e dos produtos locais.

Previa ao Asalto

No xoves previo ao Asalto ao Castelo, 3 de xullo, a tarde estará protagonizada polos máis pequenos e pequenas, que durante a tarde poderán gozar da terceira edición da tarde-noite infantil meiga no Foso da fortaleza. A partir das 20:00 horas terá lugar un espazo artístico itinerante e, paralelamente, o Des-enterro Irmandiño. Xa ás 23:00 horas, chegará a terceira edición do Aquelarre de Ánimas de Palleiro para o Chamamento á Loita na praza do Concello.

Cartel Asalto Castelo-Vimianzo-2025

O venres de Asalto: Cea Medieval

O venres, 4 de xullo, a xornada comezará ás 19:00 horas co espazo artístico itinerante nas rúas, mentres que na praza do Concello a tarde estará amenizada pola orquestra Pasarela Big Band. Ás 21:00 horas haberá un circuito musical pola rúa con Dautaka e no Foso realizarase a ofrenda musical con Cé Orquestra Pantasma. Xa ás 21:30 horas dará comezo a XIV Cea Medieval, que este ano esgotou entradas en tempo récord. Estará amenizada polos regueifeiros Suso Xornes e Lupe Blanco e Cé Orquestra Pantasma. Haberá tamén queimada a cargo de Miguel Queiro. 

Coa chegada da media noite comezarán os concertos abertos deste primeiro día, que estarán protagonizados por Che Sudaka, Monolious Dop e Yava DJ.

O sábado de Asalto

Mañá, tarde e noite. A organización do Asalto ao Castelo ten múltiples actividades preparadas para gozar do sábado 5 de xullo en Vimianzo. Na praza do Concello haberá, ao longo de todo o día, unha feira artesanal que se completará con diferentes actividades para os máis pequenos e pequenas: obradoiros infantís, xogos, torneo de xadrez, técnicas de combate medieval, e moito máis.

Non faltará tampouco a música, con Coídos, Catro nun Zoco e A.C Trubisquiña, que amenizarán a xornada de 12:30 a 14:00 horas.

Pola tarde continuará o torneo internacional de Xadrez e haberá tamén unha rolda de Aturuxos Irmandiños con Arenga Musical. De 16:30 a 17:30 horas terá lugar a 12ª edición do Asaltiño, no que os pequenos e pequenas da vila protagonizan a súa propia revolta irmandiña.

No Patio de Armas, ás 17:30 horas, realizarase a X viaxe no tempo coa dramatización da historia do castelo, a cargo de rapazas e rapaces de Vimianzo. A esa mesma hora realizarase tamén unha demostración de técnicas con armaduras medievais a cargo do Club Falcata Hema.

A tarde continuará cos torneos Carcasonnne e Catro en Liña (17:45), coa entrega de premios do Certame de Microrrelatos Irmandiños (17:55), co concerto didáctico arredor da música tradicional con Mini Rivas (18:00 horas), e co obradoiro de esgrima infantil (18:15 horas).

Xa a media tarde, ás 19:00 horas terá lugar a IV Irmandade Parroquial e ás 19:45 horas terá lugar o pregón, a cargo da Festa da Carballeira de Zas. Procederase, neste momento, ao izado da Bandeira Irmandiña.

Ás 20:00 horas dará comezo o circuíto musical na rúa con Dautaka, Medio Quinhón e Rapacollón’s Big Band.

A programación da noite esixe, por primeira vez, entrada para todas as actividades. Alana será a encargada de dar o pistoletazo de saída ás 20:30. A música continuará con The Rapants (22:00 horas), que servirán de antesala ao gran Asalto ao Castelo, que terá lugar ás 23:30 horas. Posteriormente, continuarán os Heredeiros da Crus (01:00 horas), Firkin (02:30 horas) e Mekánica Rolling Band (04:00 horas).

O domingo

O domingo 6 de xullo servirá de peche á gran celebración do Asalto. Comezará ás 11:00 horas cunha visita guiada ao Castelo. Neste mesmo espazo poderase gozar dunha dobre sesión de visita teatralizada cos Quinquilláns, ás 12:30 e ás 17:00 horas. 

Na praza Castelao a sesión vermú estará amenizada por Medio Quinhón.

Máis novas do Asalto

Comentarios