Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Benjamín Queiro presenta a súa candidatura polo BNG vimiancés

Benja Queiro BNG Vimianzo
Benjamín Queiro entre Daniel Pérez e Xurxo Rod.
Benjamín Queiro presenta a súa candidatura polo BNG vimiancés

Trala reunificación entre BNG e Adiante Vimianzo, este sábado tivo lugar a presentación de Benjamín Queiro Pérez (1975) como candidato do BNG ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio no concello de Vimianzo.

É a primeira vez que se pon en primeira liña pero Queiro ten ampla experiencia política, tanto no BNG, partido no que milita desde 1994, coma na política municipal vimiancesa, onde participou activamente desde moi novo e mesmo formou parte da candidatura que proporcionou ao BNG a súa primeira maioría absoluta en Vimianzo, no ano 2015.

Máis coñecida incluso é a súa implicación como membro fundador da Asalto ao Castelo, tendo un papel destacado na organización e mantemento deste festival, ao segue moi vencellado na actualidade.
Pero taén loitou polo recoñecemento oficial da comarca Terra de Soneira, a posta en valor dos Batáns do Mosquetín ou a defensa dos Penedos de Pasarela. Nos últimos anos forma parte moi activa da plataforma “Corredor xusto” en defensa do enlace do parque empresarial de Vimianzo coa autovía da Costa da Morte.

“Xérame moita impotencia ver como Mónica Rodríguez pasou estes catro anos paseando polo concello en constante campaña electoral, con unha contínua imaxe de autobombo en prensa e redes, en vez de estar loitando polos intereses da nosa xente, polo tecido empresarial ou por mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”, dixo, “Foi unha mágoa que non soubera aproveitar que tanto a Deputación coma o goberno central son do seu mesmo partido, para atraer investimentos para o noso concello, o que mostra unha incapacidade total e absoluta de gobernar” continuou “que este goberno socialista renunciara ao investimento comprometido pola Deputación para iniciativas tan importantes coma o arranxo da contorna do Castelo ou á compra dos dolmens”.

"O concello de Vimianzo necesita un proxecto de futuro, necesita investimento real, necesita que se active a potencialidade dos nosos lugares e da nosa veciñanza, e eu comprométome a traballar con todos os sectores sociais desde hoxe mesmo para conseguilo”.

Benjamín Queiro, casado e cunha filla, naceu en 1975 en Vimianzo. Cursou os seus estudos de Bacharelato na capital Soneira e titulouse como Técnico superior de telecomunicacións en 1998 en Santiago de Compostela. Na actualidade, traballa como Técnico electrónico no Departamento de Operacións técnicas da Compañía da Radio Televisión de Galicia.

Comentarios