Carballo, Corcubión e Vimianzo volverán ser sedes do proxecto Residencias Paraíso

Volverán ser o Pazo da Cultura de Carballo e as Casas da Cultura de Corcubión e Vimianzo, espazo para o desenvolvemento de proxectos artísticos, no marco da iniciativa Residencias Paraíso 2025 do Colectivo RPM.
Nesta a súa 9ª edición, o programa programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia contará na súa 9ª edición con estas 9 propostas (das 179 presentadas): Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña como ‘Artistas Paraíso 2025’.
Entre abril e novembro cada grupo pasará unhas semanas en cada vila escollida (ademais das costeiras tamén está Lugo, Compostela, Ribadavia, Narón) para despois participar nun encontro anual que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Conta cun importe total de 20.000€ para acoller estas 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha– e favorecer, así, as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2025 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Joaquín Collado (artista e responsable del Festival Paisaje en Villamalea), Marcia Vázquez (artista galega, artista Paraíso 2022 e responsable de Escora Danza na Costa da Morte), Sabela Ramos (xestora cultural independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
En Vimianzo
RPM abrirá o programa na Casa da Cultura de Vimianzo coa residencia do creador galego Antón Yanguas, que estará traballando no proxecto de investigación titulado Open Call. Neste proxecto, Antón aborda o mundo das convocatorias artísticas e a exposición continua da figura do bailarín.
En Carballo
O creador galego Bal Castro mergullarase no seu proceso de creación titulado Instinto desexo no Pazo da Cultura de Carballo. No proxecto, Bal aborda temas arredor do afecto, a hipersexualización e a mercantilización do corpo.
En Corcubión
E, para rematar, RPM inaugurará o novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Corcubión, con Sagrado Corazón, da creadora galega Isolda Comesaña. A artista prepara unha investigación escénica –a cabalo entre a poesía e a danza– arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza. Baixo unha perspectiva feminista, este proxecto cuestiona a construción da identidade europea no imaxinario medieval.