Martes. 05.11.2024
El tiempo

Carballo e Vimianzo acollen sesións do ciclo Camiño Escena Norte

1-El Nadador De Aguas Abiertas FOTO DAVID RUIZ
El nadador de aguas abiertas, de K. Producciones e Tanttaka Teatroa, estará o domingo en Vimianzo. FOTO DAVID RUIZ
Carballo e Vimianzo acollen sesións do ciclo Camiño Escena Norte

A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á Costa da Morte. E faino a través de dous dos mellores programas culturais da comarca: O FIOT, unha referencia a nivel mundial; e a programa de Outono do Concello de Vimianzo.

O domingo 6, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, no marco do FIOT, a única función en teatros galegos de Olvido Flores, da navarra Estefanía de Paz Asín; mentres que o sábado 12 o auditorio municipal de Vimianzo será o recinto no que se represente El nadador de aguas abiertas, das compañías K. Producciones e Tanttaka Teatroa.

A primeira das citas enmárcase no ciclo OTNI do FIOT. A artista multidisciplinar Estefanía de Paz Asín presentará o domingo 6, ás 20.00 horas, Olvido Flores, unha peza que pon sobre a mesa a historia do circo Anastasini, cuxos membros foron asasinados na localidade navarra de Lodosa en xullo de 1936. A creadora rescatou información e relatos da época para dar conta do que pasou aquela noite e iluminar a memoria da troupe circense. Ao remate da función, que terá lugar no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Carballo, celebrarase un encontro coa artista. As entradas para á cita están dispoñibles no espazo web www.fiot.gal. 

Xa de cara á semana seguinte, o sábado 12, o CEN adentrarase na Terra de Soneira. O auditorio municipal de Vimianzo acollerá a representación de El nadador de aguas abiertas, peza que conta cos actores Markos Marín e Adolfo Fernández coma protagonistas absolutos, e na que se aborda a amizade e a superación a través da aprendizaxe da natación. A función comezará ás 20.30 horas e, ao remate, celebrarase un encontro cos actores.

As entradas para asistir ao espectáculo, producido polas compañías vascas K Producciones e Tanttaka Teatroa, xa están a venda a través www.woutick.es. Logo da súa representación na Costa da Morte, a peza, candidata a seis Premios Max 2024, poderase ver o 17 de outubro en Lugo. 
 

Comentarios