“O Castro das Barreiras vaise converter na auténtica locomotora do patrimonio cultural de toda a comarca”

Esta mañá presentábase a nova campaña de escavación arqueolóxica no Castro das Barreiras. Un fito para a Costa da Morte, pois son xa 11 anos de continua aposta municipal por un xacemento arqueolóxico, polo aproveitamento do patrimonio como motor económico.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco; e os arqueólogos Tito Concheiro e Luis Franciso López, presentaron hoxe os novos traballos.
Foi o coñecido e recoñecido Tito Concheiro o encargado de presentar as novas ideas que abre esta campaña. O equipo de Terra Arqueos cren que coa nova escavación se poderá ofrecer unha “nova visión” ao xacemento. “Este castro en vivo e en directo é espectacular e sempre que vimos nos da algo engadido que lle suma calidades para facelo un xacemento sen parangón”, sinala.
O ano pasado os achádegos máis importantes foron o escalonamento da muralla e o cemiterio de cerámica. Este ano a principal novidade será o descubrimento da primeira “Cabana de poste” no Castro, unha construción que data de moito antes das típicas castrexas. “Podemos estar ante as primeiras épocas das Barreiras, e isto suporá un antes e un despois en como entendemos todo este xacemento”, determina Tito Concheiro. Mesmamente onte aparecía o fragmento dunha fíbula de bronce, que era como un “imperdible” e que é a primeira vez que aparece no Castro. Esta é a “promesa” de que vai haber mellores descubrimentos no Castro das Barreiras”, di Tito Concheiro.
Acometerán traballos na mullara e ampliarán a casa que se descubriu o ano pasado, así como o cemiterio cerámico.
Esta non será a única campaña deste ano, e na segunda intervención durante o mes de setembro, traballarasse sobre o outro sector da muralla.
Ademais, en outono farase outra incorporando ademais á rapazada, como xa se ten feito noutros anos, reactivando as visitas escolares. Unhas visitas que xa comezan a semana que vén no centro educativo de Baio.
“O Castro das Barreiras vaise converter na auténtica locomotora do patrimonio cultural de toda a comarca”, conclúe Concheiro.
Novas relacionadas
- Maio 21: Volven os traballos ao Castro das Barreiras para descubrir a primeira “Cabana de poste”.
- Setembro 2020: A recreación dun fogar, o escalonamento da muralla e o cemiterio de cerámica, os achádegos campaña 2020 no Castro das Barreiras.
- Xuño 2020: Vimianzo volve limpar o Castro das Barreiras.
- Xullo 2019: Vimianzo mantén viva a aposta polo patrimonio e volve limpar o Castro das Barreiras.
- Marzo 2019: Nenxs e maiores danlle sentido ao Castro das Barreiras.
- Febreiro 2019: “É unha honra que un concello tan pequeno como Vimianzo aposte pola arqueoloxía como motor turístico”.
- Maio 18: A excavación do Castro das Barreiras pecha cun gran achádego metalúrxico.
- 2010: O Castro de Barreiras: o expediente X da arqueoloxía galega .