Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A recreación dun fogar, o escalonamento da muralla e o cemiterio de cerámica, os achádegos campaña 2020 no Castro das Barreiras

Muralla escalonada do Castro das Barreiras-Vimianzo
O escalonamento interior da muralla do Castro das Barreiras é un dos achádegos da campaña arqueolóxica 2020
A recreación dun fogar, o escalonamento da muralla e o cemiterio de cerámica, os achádegos campaña 2020 no Castro das Barreiras
Xusto hoxe, 1 de outubro, cúmprense 10 anos dende a primeira escavación do Castro das Barreiras, chamado naquel 1020 como “o expediente X da arqueoloxía galega. Nos últimos anos, a estrela da campaña do ano pasado fora o betilo; a do 2018, un achádego metalúrxico. A deste 2020 pode repartirse en tres partes: a aparición dun vertedoiro cerámico con máis de 20.000 fragmentos: o descubrimento de que falamos unha muralla escalonada de 6 metros de altura; e a recreación dunha vivenda de planta ovalada, cunha das mellores cociñas conservadas na arquitectura de interior do mundo castrexo.

Foi o arqueólogo Tito Concheiro, director da empresa Terra Arqueos, debullaba esta mañá de mércores a campaña de 15 intensos días deste curso. Un Concheiro que recoñecía a singularidade deste castro, non só pola súa ubicación no medio dun val, senón tamén pola súa “personalidade”. “Non hai practicamente comparación con ningún que teñamos visto’, sinalou.

Recreación dos fogares

Tito Concheiro director da escavacion do Castro das Barreiras

A proposta municipal para este curso era facer unha recreación dun fogar (os orixinais están máis profundos), cos seus dous fornos, un para cociñar e outro para quentarse, elementos delicados, que permitirán “potenciar a explicación da vida no Castro”.

A escavación ademais permitiu ademais comprobar que todo o poboado estaba ocupado, de xeito que “as casas ovaladas se colocaban co eixo largo en paralelo á muralla, presentándose como un sistema único e fascinante”.

A muralla e a produción oleira

Un vertedoiro de Ceramica noCastro das Barreiras de Vimianzo

“O máis monumental que ten este xacemento é a estrutura defensiva. Con este forro escalonado por dentro é algo espectacular”. O descubrimento de que a muralla está escalonada, é outro dos feitos máis importantes desta campaña. Chega ata os 6 metros, e nas zonas altas pode chegar a haber ata 4 ou 5 chanzos”. Será espectacular cando consigan chegar ao alto da muralla, e cando vaian descubrindo os sistemas de acceso, sobre os que indicios apuntan a moitas estruturas de madeira.

Pero o que seguro que había era unha alta produción oleira, dende o século II a.C. ata a transición á época galaico-romana, debido á cantidade de pezas de olería atopadas. ‘Eu na miña traxectoria profesional é o segundo vertedoiro cerámico que me atopo en Galicia’, recalcaba.

A tégula achega no tempo o Castro

Debido a aparición dun material romano nun nivel superficial, a “tégula”, deixa ver que a cronoloxía do castro sexa máis recente. Deste xeito, podería haber vida neste castro no século I d.C., algo que non se sabía ata hoxe.

O futuro

Abrir un sondeo na muralla para coñecer como é a muralla por fóra, e seguir ampliando o poboado poden ser as liñas principais das vindeiras intervencións.

Como obxectivo final, a longo prazo, ‘debemos marcarnos que a lo menos o 40% do castro estea escavado, con 12, 13 ou incluso 15 vivendas descubertas. Poder chegar a este punto converterao nun xacemento colosal’, finalizaba.

Novas relacionadas

Comentarios