Cereixo ábrese ao mar cunha camiñada
O Concello de Vimianzo organiza a ruta consciente e interpretada ‘Camiñando cara ao mar en Cereixo’ para poñer en valor o espazo polo que discorre.
A actividade terá lugar este xoves, 3 de outubro, ás 16:00 horas. O punto de partida será Cereixo, a carón do antigo estaleiro, desde o cal comezará un roteiro que estará enfocado no fomento da participación das mulleres e na creación da conciencia dese fío que crea lazos de comunidade.
Durante o percorrido, que forma parte da ruta 6 do Camiño dos Faros, están previstas varias paradas que teñen por obxectivo provocar a reflexión nas persoas participantes, creando memoria colectiva e relacionando os contidos coa conservación, recuperación e posta en valor de elementos ambientais do mar.
A primeira parada será preto do embarcadoiro e alí coñecerase a flora e a fauna da ría e farase unha comparativa do pasado e presente do lugar. A seguinte será no Muíño das Mareas, onde se explicará a enerxía da auga e a alimentación da poboación. Seguindo a ruta, a terceira parada será a Igrexa de Santiago, na que se comentará a tradición xacobea e os distintos camiños no mar. Por último, no afluente do Porto/Grande explicarase a evolución da comunidade humana e o papel da emigración na sociedade.
A iniciativa está enmarcada no proxecto ‘Mareas. Senda a Muíño de Mareas de Cereixo e miradoiro do Forno do Sapo’, concedido polo GALP Costa da Morte, co que se pretende facilitar o acceso a este lugar e crear unha zona de estancia.