Costas proponse recuperar a costa vimiancesa de Sabadelle


O Xefe da Demarcación de Costas, Rafael Emil achegouse na mañá de hoxe a Vimianzo para visitar os lugares de Cereixo e Sabadelle acompañado polo alcalde, Manuel Antelo, o tenente de alcalde, Antonio Miñones, e o técnico municipal de urbanismo, Julio Vázquez.
A primeira parada foi en Cereixo, onde o PP xa presentou, en solitario, un ambicioso proxecto para facer un Porto Xacobeo. Tras percorrer o paseo do río ata o muíño de marea Manuel Antelo comentou o interese do concello en que este muíño pase a ser de dominio público para unha completa posta en valor da contorna, así coma a necesidade de eliminar a cancela privada que pecha o acceso ao paseo público, entre outras actuacións.
Na segunda parada, en Sabadelle, única saída de Vimianzo ao mar, falouse da posibilidade de facer unha senda que permita o acceso ao lugar pero protexendo sempre os coídos do tráfico rodado. Lembramos o lugar de Sabadelle dende o Plan Acuícola, e de como os grupos sociais protestaron para levar abaixo a picifactoría da Xandriña, que invadiría o lugar patrimonial do Casal de Sabadelle.
Rafael Eimil mostrouse moi interesado nas diferentes actuacións que lle comentou o alcalde de Vimianzo, así como na singular beleza das paraxes do concello. Manuel Antelo comentou que nas vindeiras semanas seguirán as conversas para levar a cabo diferentes actuacións nestes lugares.
Novas relacionadas
- O PP presenta en solitario o ambicioso proxecto muntifuncional do Porto Xacobeo de Cereixo.
- O PP vimiancés presenta un proxecto para recuperar Sabadelle.
- A piscifactoría da Xandriña pasa pola protección do casal de Sabadelle .
- Denuncian a piscifactoría da Xandriña ante a UNESCO coa axuda do concello de Vimianzo .
Fonte
- Nota de prensa do Concello de Vimianzo.