A doble visión dos primeiros 100 días de goberno socialista en Vimianzo
Fai balance estes días a alcaldesa socialista de Vimianzo dos seus primeiros 100 días de goberno. Mónica Rodríguez fai un “balance positivo” e aproveita para “agradecer a implicación do goberno, o persoal municipal a veciñanza para, unidos, facer un Vimianzo mellor”.
Unha visión que contrasta coa do grupo saliente, un Adiante Vimianzo que consideran “os primeiros 100 días de goberno de Mónica Rodríguez como a demostración da incapacidade para gobernar e a parálise municipal”. Antelo denunciaba que “o Goberno municipal “vai ao remolque” do traballo deixado por Adiante Vimianzo e que criticou duramente cando estivo na oposición, ao tempo que denuncia que “nestes primeiros 100 días non se licitou nin unha sola obra no noso municipio e as únicas obras que se están executando son as que nos deixamos contratadas”.
Para Rodríguez a situación é a contraria, e entre os puntos a destacar, salienta as xestións para impulsar o parque empresarial, a desconxestión da área de Urbanismo, as melloras en conciliación a través dos programas de madrugadores e a luz verde da Xunta para 20 novas prazas de 0 a 3 anos e lembra a negociación para a atención temperá.
En materia de emprego, destaca a convocatoria para o vindeiro mes de outubro dunhas Xornadas de Asesoramento personalizado para as empresas interesadas. Estas xornadas xa teñen fixada a data de celebración, o vindeiro luns 28 de outubro e terán lugar no propio Concello (aberta a inscrición ata o día 23).
En clave urbanística, informa de que o goberno está tratando expedientes que levan “meses e anos” paralizados que agora “se están a tratar con toda a rigorosidade para que vaian saíndo”.
Outro dos “logros” é a ampliación de 20 novas prazas para a escola infantil, ademais de importantes melloras de espazo a través da cuarta aula, como o novo comedor. Ademais lembra que desde o 1 de outubro Vimianzo conta por primeira vez con servizo de Madrugadores no colexio de San Vicenzo. Vimianzo tamén comezou o estudo con Camariñas e Muxía para incorporar un servizo de Atención Temperá.
En materia cultural, parece que goberno socialista mantén parte da configuración aberta nas pasadas lexislaturas, como o coidado do patrimonio (a modificación de crédito de 15.000 euros para seguir investigando en As Barreiras), ou o amplo programa cultural (véxase o Outono Rebuldeiro ou os Sábados Culturais) e de actividades deportivas” tanto para o verán como agora para o inverno, “procurando estender a maior cobertura por idades e satisfacendo na medida do posible as demandas das asociacións”.
O goberno socialista recorda tamén a consecución dun crédito do IDAE por valor de 2,5 millóns de euros para acometer unha medidas de aforro enerxético por medio dun cambio integral das luminarias nas 14 parroquias do concello. “Melloraríamos ao mesmo tempo cumprir coa normativa de Medio Ambiente e mellorar a luminosidade en moitos puntos, que aínda tratándose dos cambiados recentemente non compren”.
Sobre o POS+, lembra as 4 obras importantes que se poñen en marcha: “unha senda en Berdoias, unha reforma considerable levada a cabo no edificio de servicios múltiples, unhas pistas en Cereixo e en Baíñas e un decantador e unha nova instalación para evitar os problemas que estamos a ter no Parque Empresarial coa auga”.
Política laboral
Parece que unha das cousas que mudou é a relación laboral. O sindicato C-SIF levaba anos de loitas co goberno de Antelo, pero a relación co novo grupo de goberno parece radicalmente distinta. Unha relación “cordialidade” que para Adiante Vimianzo “evidencia a inminente volta ao pasado”, pois explican que a elaboración do documento de Relación de Postos de Traballo RPT “conseguiu unha política de igualdade de oportunidades e igualdade de soldos entre as mesmas categorías. “Ante as imaxes e as declaracións feitas públicas estes días, moito nos tememos que imos no camiño da volta a “enchufar” xente e doutras prácticas que deberían estar desterradas na administración pública”, denuncia un Antelo, que recordou que a inhabilitación do arquitecto municipal por 2 anos foi ratificada polo Tribunal Supremo.