mércores. 21.01.2026
El tiempo

Entregan máis de 300 sinaturas en ABANCA para reclamar a reapertura da oficina de Baíñas

Lorena Suarez e Bernxamin Queiro diante da oficina de Abanca
Os edís do BNG Lorena Suárez e Benxamín Queiro diante da oficina de Abanca
Entregan máis de 300 sinaturas en ABANCA para reclamar a reapertura da oficina de Baíñas

Oito meses despois da primeira reunión, os concelleiros do BNG de Vimianzo volveron a ter unha xuntanza con representantes de ABANCA para avanzar na procura dunha solución ao peche da sucursal de Baíñas. A reunión, solicitada polos nacionalistas, serviu para reiterar a urxencia de atender os prexuízos que o peche está a provocar na veciñanza e no desenvolvemento socioeconómico da parroquia. 

Nesta ocasión, os concelleiros entregaron máis de 300 sinaturas recollidas exclusivamente en Baíñas, reforzando a demanda da comunidade local. No documento presentado, o BNG propón dúas alternativas concretas: a reapertura da oficina dous días á semana durante dúas horas, e a visita dunha unidade móbil bancaria á localidade dous días á semana. 

Desde a formación nacionalista subliñaron que “ambas opcións son plenamente viables, xa que outras entidades bancarias prestan servizo na parroquia mediante xornadas discontinuas”. Así mesmo, salientaron o importante volume de empresas e explotacións gandeiras existentes na zona, que manexan un capital significativo e requiren servizos bancarios presenciais. 

O BNG de Vimianzo insiste en que “non cesará no seu empeño por garantir un servizo bancario digno, lembrando que o envellecemento poboacional fai imprescindible a atención presencial, especialmente para as persoas maiores ou con dificultades para realizar trámites dixitais”.

Máis novas

Comentarios