Gerca lanza unha nova empresa: Gerca Mecanizado
Segue medrando o polígono de Vimianzo e o sector industrial da Costa da Morte da man de Gerca. O referente na industria local, que xa supera os 150 traballadores, vén de anunciar o lanzamento da súa nova empresa, Gerca Servizos de Mecanizado.
Gerca Servizos de Mecanizado ofrece solucións de alta precisión co respaldo de maquinaria avanzada, como tornos e centros de mecanizado por control numérico (CNC). Estas ferramentas permiten a confección de pezas orientadas especialmente a sectores clave como a maquinaria agrícola, a maquinaria industrial e o sector eólico, ámbitos onde a fabricación a medida e a calidade son esenciais para satisfacer as exixencias do mercado.
A creación desta nova empresa representa un paso estratéxico na diversificación de produtos e servizos do grupo Gerca. Con esta iniciativa, o grupo reafirma o seu compromiso co desenvolvemento local e o crecemento do parque empresarial de Vimianzo, onde seguirá invertendo en infraestrutura e talento. A compañía aposta por fortalecer as súas raíces na comarca e converter a Vimianzo nun centro estratéxico para a industria do metal, xerando novas oportunidades de emprego e crecemento económico para a zona.