![leo-bassi-vimianzo]()
Imaxe: Culturactiva
Un dos cómicos máis famosos do mundo, Leo Bassi, trae este sábado á casa da Cultura de Vimianzo o seu espectáculo "El último bufón". A actuación enmárcase no
programa continuo de ocio para adultos que desenvolve o concello. A entrada ten un custe de 5€ e hai descontos para maiores de 65 anos e estudantes.
O cómico italiano repasará os seus 40 anos de traxectoria teatral a través dun descubrimento realizado pola súa irmá - Joanna - no arquivo da Fundación Lumiére en Lyon, Francia. En maio de 1896, os Irmáns Lumière filmaron ao seu bisavó Giuseppe e ao seu tío Giorgio cando traballaban no Circo Rancy da mesma cidade de Lyon. Son probablemente as primeiras imaxes en movemento de pallasos da historia, que nos remontan a unha era na que Europa aínda tiña toda a súa inocencia e o desexo de vivir.
A partir destas gravacións, Bassi pon en escena un espectáculo intenso e, ao mesmo tempo, divertido no que analiza o "paraíso perdido" do mundo dos bufóns, cunha comicidade diferente do humor irónico e cínico dos cómicos de hoxe en día. Leo Bassi descende dunha antiga liñaxe de comediantes excéntricos e de pallasos circenses vindos de Italia, Francia, Inglaterra, Austria e Polonia. Durante 170 anos, a familia actuou ininterrompidamente. Dela herdou non só sorprendentes habilidades, senón tamén ese espírito libertiano, irreverente e cosmopolita, esencia do circo do século XIX.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- Concello de Vimianzo