Movementos en Vimianzo ante a denuncia da oposición
A semana pasada a oposición volvía ao ataque no Concello de Vimianzo denunciando unha posible irregularidade a comezos de lexislatura por parte do goberno entrante, sobre a contratación da Secretaria do alcalde, unha contratación xa criticada no seu momento sobre todo por IxVim. A Fiscalía aceptada a trámite as probas presentadas pola oposición, a pesar de que o Alcalde e o Grupo de goberno de Vimianzo consideran "unha falsidade as probas entregadas ao fiscal para presentar unha denuncia".
O alcalde de Vimianzo sostén esta afirmación baseándose en que "a copia da acta que presentan coincide coa acta que figura no expediente, acta da primeira Xunta do goberno actual do ano 2011, polo tanto non se pode falar de falsificación". Para soster isto, os denunciantes presentan unha fotocopia manipulada dunha notificación dun acordo desa acta, sen a correspondente sinatura do secretario e do notificado, "polo tanto sen validez en si mesma como notificación, xa que non se corresponde en absoluto coa notificación realizada no seu día polo secretario e obrante no expediente, coincidindo esta plenamente co acordo reflexado na acta".
Lamentan dende o Concello que "con todo isto os denunciantes pretendan poñer en dúbida non só a responsabilidade e honradez do daquela secretario da corporación municipal, baseándose exclusivamente nunha fotocopia burdamente manipulada que os denunciantes afirman ter recibido anonimamente hai case un ano (en maio de 2012); senón que tamén pretenden trasladar ao Alcalde e á Xunta de Goberno unha suposta responsabilidade na elaboración de notificacións inexistente, xa que non lles correponde."
O goberno municipal aproveitou para lembrarlle aos denunciantes o caso dunha persoa que presentou unha denuncia por roubo e resultou imputado por branqueo de diñeiro. “Esperamos que o xuíz acepte a denuncia para non só aclarar en todos os termos a falsidade dos feitos denunciados e defender a honradez e profesionalidade dos funcionarios municipais e do Goberno, senón tamén para desenmascarar a quen carece de todo tipo de escrúpulos para achegar calquera tipo de probas co único ánimo de facer dano”.
Novas relacionadas
- 27-09-11: A tensión no pleno vimiancés sobe coas duras críticas de IxVim.
- Luís Lamela: Sen cainismos.
Fonte
- Nota de prensa do Grupo de Goberno de Vimianzo.