Muros e Vimianzo acollen un programa piloto provincial para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores
Ata Vimianzo desprazouse onte Ana Lamas, a deputada de Benestar Social, para presentar o programa o seu programa piloto para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores. Un programa que se desenvolverá no concello soneirán, ademais dos de Muros e Ortigueira, para despois lanzar polo resto da provincia.
Trátase dun programa pensado para concellos de menos de 20.000 habitantes para conseguir un modelo de intervención contra a soidade non desexada, a través da colaboración cos actores locais, e da xeración de espazos de encontro e reflexión conxunta.
O proceso comeza coa identificación e categorización dos diferentes actores locais que prestan os servizos, recursos, programas ou actividades. Sinalaranse os perfís das persoas maiores soas, e posteriormente analizarase a “desconexión” entre a oferta de servizos e programas nestes lugares e as potenciais persoas usuarias, identificando os posibles factores que inflúen nela como poden ser: a idoneidade dos programas en función dos perfís ós que se dirixen os servizos ou actividades, os sistemas de difusión empregados, ou o grao de participación das persoas ás que vai dirixido o servizo ou actividade.
Por outra banda, recolleranse as experiencias innovadoras, de referencia e/ou interese en materia de soidade non desexada que se estean desenvolvendo.
A partir desa análise, proporase unha intervención local coa idea de “sistematizar esta proposta de intervención”.
Mónica Rodríguez, destacou a “tremenda labor que desempeñan desde a Deputación no eido dos Servizos Sociais, particularmente desde Benestar Social”, indicando que “hoxe, coa situación que estamos a vivir, ponse de relevancia, máis si cabe, o importante de impulsar políticas de protección cara un colectivo vulnerable como son os nosos maiores, e afrontar esa soidade con recursos técnicos, pero o máis importante, humanos”, enfatizou.