![asociacion-cultural-bainas-no-camino]()
O pasado sábado presentouse na escola do Outeiro a nova asociación cultural "Baíñas no Camiño"
Co obxectivo de protexer o patrimonio cultural da parroquia, acaba de nacer a
asociación cultural "Baíñas no Camiño"; unha entidade sen ánimo de lucro que se centra principalmente no Camiño Real de Santiago a Muxía ao seu paso pola vila. Así, estableceu lazos xa coa
asociación Grandimirum de Brandomil e con outras entidades de Berdoias, Antes, A Pereira,... e xa contan co
apoio explícito de concellos coma os de Vimianzo, Zas, Santa Comba ou A Baña.
O pasado sábado, a entidade baiñana presentouse ante a veciñanza na escola do Outeiro onde se celebrou unha primeira reunión aberta e na que se puntaron 50 novos socios. Congregáronse veciños e veciñas de Baíñas e tamén da parroquia de Berdoias, e asistiron membros da corporación municipal de Vimianzo. Entre eles o alcalde, Manuel Antelo.
A xunta directiva da asociación explicou o contexto do Camiño de Santiago en xeral e da recuperación da ruta post-xacobea a Muxía por Baíñas en particular, describiu a historia do mosteiro cluniacense de Santo Antoíño e completou a exposición informando da situación do proceso administrativo de recoñecemento. Tamén incidiu na importancia de aproveitar o Camiño para uso social e cultural sen necesidade de agardar a que remate dito proceso. Finalmente animou a xente a participar das actividades que se organicen de agora en diante; como é o caso da andaina que comezou o 29 de abril en Compostela e que continuará o 13 de maio ata Brandomil, sendo a 3ª etapa de Brandomil a Berdoias o 20 de maio e a última de Berdoias a Muxía o sábado 27. Para inscribirse en calquera delas é suficiente con chamar ao no de teléfono 981751398, do concello de Zas.
Axudas
Durante as intervencións sobre o proxecto do Camiño, o alcalde de Vimianzo anunciou que “o concello está axudando na limpeza do Camiño, no material necesario e no informe que se vai presentar a Patrimonio”. Pola súa banda, a portavoz do PSdeG en Vimianzo - Paula Mouzo - manifestou a intención do seu grupo en “axudar en todas as instancias administrativas que sexaposible”; mentras que a portavoz do PPdeG - Raquel Rodríguez - dixo que “axudaremos en todo o proceso de documentación que faga falta”. O portavoz de Terra Galega - Manuel Rodríguez - reiteirou que “seguiremos axudando como axudamos desde o principio”.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)