O PSdG vimiancés denuncia unha operación de afiliación masiva
Complicada a situación do PSdG de Vimianzo. A agrupación municipal socialista vén de denunciar o que chama “unha Operación de Afiliciación Masiva” dentro do seu grupo. Así o fai público a Secretaria Paula Mouzo, que constatou que nos últimos días houbo máis de 30 solicitudes de alta na agrupación sen o coñecemento da Agrupación, o que supón un terzo do total de militantes da mesma.
A directiva fala nestes termos: “Sabíamos que o Sr. José Manuel Rodriguez Blanco e Dna. Montserrat Vázquez Miñones, incursos nun expediente de expulsión definitiva do partido por presentar unha moción de censura sen a autorización da agrupación local nin de ningún outro órgano do partido, ían intentar apoderarse da agrupación socialista de Vimianzo mediante un intento de afiliación masiva. Non lles bastaba con cuestionar permanentemente as siglas que representamos, ou confrontar con outros compañeiros e compañeiras do partido, se non que pretendían aferrarse ao poder a calquera prezo, aínda que fose violentando os estatutos e as normas da nosa organización.”
”O que non esperábamos, nin podiamos imaxinar, e que esa manobra fose alentada e tutelada pola secretaría de organización nacional do PSdeG-PSOE. A compañeira Sª de Organización, Pilar Cancela Rodriguez aínda non tivo tempo de recibir a nova executiva da agrupación de Vimianzo, elixida democraticamente con tódolos votos favorables e unha abstención o pasado 23 de agosto, pero si o tivo para, as nosas costas, dirixirse o departamento federal de afiliación e censo para solicitar unhas incorporacións “a la mayor brevedad posible”, denuncia.
Por iso, Paula Mouzo asegura que informará aos correspondentes órganos do partido, a pesar da falta de resposta da Secretaria de Organización. Así, xa enviaron “unha queixa formal por estes feitos á executiva federal, en Ferraz (Madrid)”, demandando,”ademais, que se peche definitivamente o expediente de expulsión do partido do Sr. José Manuel Rodriguez Blanco e a Sra. Montserrat Vázquez Miñones”.
Acusación aos seus ex compañeiros
”As socialistas e os socialistas de Vimianzo só queremos que nos deixen pechar as feridas do pasado, sen interferencias externas, ofrecer aos cidadáns do noso concello unha candidatura municipal renovada, composta por xente sen ataduras de ningún tipo co pasado, que mire con ilusión o futuro pensando única e exclusivamente nos intereses colectivos dos veciños e das veciñas e non nos intereses particulares de ninguén. Queremos facelo con responsabilidade, respecto, diálogo e lealdade”, sinalan dende a executiva.
.”Agora ben, de ningún xeito consentiremos que, pola porta de atrás, poidan volver aqueles que polo seu comportamento non son merecedores de militar no partido que fundou Pablo Iglesias, nin verse amparados polas súas siglas. Por iso lamentamos que se avalen e alenten este tipo de actuacións desleais e irrespectuosas cos lexítimos órganos da nosa agrupación e co conxunto da súa militancia”, remata.
Os membros da comixión executiva da Agrupación Socialista de Vimianzo son:
- 1-Secretaria Xeral: PAULA MOUZO MACEIRAS.
- 2-Secretario de Organización e Administración: JOSÉ ROCHA RODRIGUEZ.
- 3-Secretaria de igualdade e benestar social: Mª MAGDALENA RIAL SOUTO.
- 4-Secretario Política Municipal e Relacións Institucionais: JOSÉ ANTONIO MIÑONES RIVEIRO.
- 5-Secretario de Xuventude, Cultura e Deportes: MANUEL ROMERO LAVANDEIRA.
- 6-Secretaria de Acción Electoral, Ideas e programas: LAURA CANOSA CAMBEIRO.
- 7-Secretario de Movementos Sociales e Innovación: JOSE MANUEL LEMA SENRA.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa da Agrupación Socialista de Vimianzo.