Os Pinchos Irmandiños chegan a 17 bares en clave 2.0

Dezasete locais de Vimianzo participan na VII edición dos Pinchos Irmandiños, que se reparten xa, desde o martes 1 e ata o mesmo sábado 5 de xullo, día da gran festa, desde as 12:00h ás 15:00h e pola tarde das 19:00h ás 23:00h (como mínimo). Este ano aumenta a calidade culinaria, xa que os hostaleiros participaron previamente nunhas sesións formativas co mestre Miguel Silvarredonda, nas que se lles deron ideas para a presentación dos pratos e sobre todo, propostas para crear petiscos diferentes cos ingredientes medievais (recordar que queda prohibido todo alimento que non fora descuberto aínda no país no século XV).

Haberá 18 puntos de servizo de petiscos distribúense por toda a vila, e ver a implicación dos locais de hostelería da vila dá conta da repercusión social que ten o Asalto. Son Restaurante Vázquez, Restaurante Pastoriza, Parrillada Montevideo, Cervexería Risco, Bodegón A Lareira, Bodegón O Petouco, Bar O Agocho, Bar Marquiñas, Celme Café, Café-Bar A Rúa, Pizzería Hilton, Cervexería Quilmes, Café-Bar Bibendum, Bar Grupo Xoven, Casa Sabina, Restaurante Vía Rápida, Restaurante O Castillo, e o propio stand da organización na praza do Concello.

A orixinalidade segue radicando ademais no nome dos pinchos, con algúns tan suxestivos como Tetiñas do Conde Don Froilán, Polbo Salvaxe sobre Gambas en Pedra Cuberta, Tirón de orellas á Isabel a Católica ou Secreto da Virxe de Guadalupe.

A APP dos Pinchos Irmandiños

Xa ca nova web, www.asaltoaocastelo.org, en funcionamento, a gran novidade, é a APP que a pasada semana presentaba a empresa Tesla Technologies, unha aplicación xa dispoñible para o teu teléfono móbil para poder seguir a rota dos Pinchos Irmandiños sen ter que selar físicamente un cartón.

O Mural de ouro

Fixádevos menuda marabilla de mural o feito no galpón que está ao carón do campo da festa.

Feira Artesanal e Concurso de Fachadas

A organización do Asalto ao Castelo pide a colaboración das persoas que poidan participar nesta festa de todos. Dúas das mellores formas son tendo un posto na III Feira Artesanal, e decorando as fachadas das casas e edificios de Vimianzo. O prazo para apuntarse nestas dúas actividades está aberto até o 2 de xullo. As bases da feira e do concurso de Fachadas están na web do Asalto ao Castelo.

Máis información

Novas relacionadas

Axenda Sonora

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).