xoves. 23.01.2025
El tiempo

As percebeiras de Xesús Búa seguen percorrendo a Costa

Xesus Bua presentando o seu libro sobre percebeiras-Foto-Marcos Rodriguez
Xesús Búa presentando o seu libro en Muxía-Foto-Marcos Rodríguez
As percebeiras de Xesús Búa seguen percorrendo a Costa

O pasado venres 6, o auditorio do Edificio de Servizos múltiples de Muxía acollía a presentación do libro “Homes e mulleres de sal e ferro. Percebeiros da Costa da Morte”. Xesús Búa estivo moi ben arroupado na súa casa, acompañado por Xan Fernández Carrera, autor do prólogo, debullando os detalles deste libro de fotografías tan singular e especial para el.

Un libro editado por Ed. Canela, con imaxes de profesionais do mar de Muxía e Camariñas, que recolle o día a dia das percebeiras e percebeiros. Conta tamén con textos de Xosé Iglesias, Modesto Fraga, Rosalía Fernández Rial, Branca Vilela, Rafael Lema, Miro Villar e Alexandre Nerium.

Presentacion libro XESÚS BUA en Muxia_Foto-Marcos Rodriguez 2
Gran acollida en Muxía. Foto-Marcos Rodríguez

Nova cita en Vimianzo

A seguinte parada é este sábado 14 de decembro na Casa da Cultura de Vimianzo, que tamén é terra de percebeiras. Será ás 18,30 horas e participarán o autor, Xesús Búa; o periodista e presidente da APTCM, Pepe Formoso; o editor, Pablo Quintana; a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

O Libro

Deixamos algunhas imaxes do libro:

libro  - PERCEBEIROS -Xesus Bua

Chuca - PERCEBEIROS -Xesus Bua

Maria de Frixe - PERCEBEIROS -Xesus Bua

Maria da Filgueira - PERCEBEIROS -Xesus Bua

Xesús Búa

Xesús Búa (Muxía, 1961), fotógrafo da Costa da Morte, leva toda a vida percorrendo este territorio por iniciativa propia e por ser fotorreporteiro do xornal La Voz de Galicia máis de 25 anos. O seu interese pola fotografía comeza aos 12 anos, cando a súa avoa lle agasalla a primera cámara. Discípulo do tamén fotógrafo muxián Ramón Caamaño (Muxía 1908-2007), continúa a enfocar as súas lentes cara á paisaxe e a xente desta Costa do Solpor, retratando a súa vida cotiá, o seu traballo e os seus momentos de lecer, pero tamén todos aqueles acontecementos extraordinarios que acontecen na contorna.

As súas fotografías foron premiadas en múltiples ocasións: no Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís de Carballo, no premio PSH Profesional ou pola Federación Española de Profesionais da Imaxe (FEPFI). Tivo tamén varias nominacións nos Premios Lucus Augusti e foi seleccionado no VIII Concurso Fotográfico da Fundación Caja Rural Jaén. As súas imaxes percorreron gran parte de Galiza e a exposición A miña Terra traspasou fronteras e foi exhibida en Francia e Portugal.

A exposición Homes e mulleres de sal e ferro viu a luz na illa de San Miguel en Ribeira Grande, nas Azores, en 2018, desembarcaría o ano seguinte en Muxía, logo pasaría polo Pazo da Cultura de Carballo en 2020, pola sala Antón Mouzo de Vimianzo en 2023, atravesando ese mesmo ano o Océano Atlántico para exhibir nas localidades brasileiras de Nova Veneza e Florianapolis, neste caso en 2024, e volve a Europa no Festival Internacional de Fotografia de Avintes, en Portugal, tamén en 2024.

Máis novas

 

Comentarios