Domingo. 28.11.2021
El tiempo

Pleno de calado en Vimianzo

Pleno Vimianzo marzo 2021
Pleno de calado en Vimianzo

O pleno deste 26 de marzo no Concello de Vimianzo foi dos máis cuantiosos en canto ao investimento aprobado dos últimos tempos. Case 5 millóns de euros en investimentos foron aprobados na sesión.

O proxecto máis grande é a renovación do alumeado exterior por 2,3 millóns de euros. Un proxecto financiado polo IDAE para renovar os 4010 puntos de luz (luminarias e sinalizacións) exteriores do municipio. Unha medida importantisima para o aforro enerxético (dun 50%), e económico, e para recudir a contaminación.
A aprobación non foi por unanimidade, xa que o PP se abstivo e o grupo Adiante Vimianzo votou en contra ao considerar “subxectivos os criterios de contratación.”

Houbo unanimidade no terceiro punto, sobre o “ditame sobre a aprobación do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar”. A licitación ofrecerase por catro anos, baixo a fórmula 2+1+1, e suporá un total de 2.175.901,6 euros. Trátase, en palabras do goberno local, dun servizo “prioritario” para a veciñanza máis maior, e “queremos que Vimianzo volva a ser un referente nos servizos sociais.”

O pleno incluía tamén unha moción para modificación orzamentaria por valor de 375.484,28 euros, que se destinarán á mellora do paseo de Cereixo, para arranxo do firme e ampliación da ponte en Baíñas, o arranxo de diversos camiños municipais, reparación da ponte da Casiña, substitución de nova sinalización viaria e sinaléctica denominativa dalgúns dos núcleos do municipio, cambio de elementos en diversos parques infantís e pavimentación dun tramo na Gándara.

Aprobouse tamén a moción presentada por Adiante Vimianzo sobre as alegacións ao parque eólico de Berdoias e a súa estrutura de evacuación por unanimidade, pola “protección do noso patrimonio”, argumentaron os grupos.

O Partido Socialista de Vimianzo presentou tamén unha moción para apoiar a integración nun CRA das Escolas Unitarias de Carantoña, Carnés, Traba, Castromil, CEIP de Camelle e CEIP de Torrexallóns. Foi aprobada por unanimidade, como aconteceu no pleno de Laxe.

comentarios