venres. 25.07.2025
El tiempo

Pleno completo en Vimianzo

Casa do Concello de VImianzo
¡
Pleno completo en Vimianzo

Completo pleno o vivido onte no Concello de Vimianzo.

O pleno aprobaba destinar a totalidade do POS+Adicional 2/2025 (401.348,76 euros) para rematar dous proxectos en Carantoña (mellora da rede de saneamento do núcleo de Figaredo, Braño) e Berdoias (humanización da contorna da Igrexa coa creación dunha praza).

Do mesmo xeito, no pleno aprobouse a solicitude de financiamento á Deputación da Coruña para a realización de actividades singulares nas que se inclúen dúas propostas: o Asalto ao Castelo, festa declarada de Interese Turístico de Galicia e un dos principais motores do tecido asociativo e económico local; e Vimianzo MOLA, unha nova iniciativa que busca dinamizar a actividade municipal en momentos de menos afluencia turística.

O proxecto MOLA (Muralidade, Oralidade, Literatura e Artes) desenvolverase a finais de agosto e principios de setembro, cun enfoque centrado na cultura urbana, a creación artística e a literatura. Entre as actividades previstas destaca a I Feira do Libro de Vimianzo, que terá lugar do 5 ao 7 de setembro no Castelo e contará coa participación de autores locais, galegos e estatais.

Uso das instalacións culturais

A totalidade da corporación votou a favor de modificar a Ordenanza fiscal nº17, reguladora da taxa pola prestación de servizos e utilización de instalacións municipais, deportivas e análogas de titularidade municipal. A taxa busca cubrir os custos de limpeza, vixilancia e mantemento destes espazos, nos que se realizaron melloras importantes nos últimos anos.

Festivos locais

Na sesión aprobáronse os festivos locais para o ano 2026: o 22 de xaneiro, día de San Vicenzo, e o 10 de agosto, coincidindo coas festas do verán.

Propostas do BNG

Saíu aprobada tamén unha moción presentada polo BNG sobre a situación do idioma propio de Galicia e a adopción de medidas para a súa normalización. O grupo, que agradeceu o apoio da área de Turismo da Deputación xestionaba polo BNG nesa achega de 81.000 € para o Asalto e para Vimianzo MOLA, criticou o “baixo nivel de investimento propio do Concello” e denunciou o “inaceptable retraso” na licitación do novo contrato do servizo de recollida de lixo.

Finalmente, o grupo nacionalista solicitou a limitación do tempo máximo de estacionamento para vehículos NON residentes nas rúas Castelao e Antonio Vázquez Mouzo, así como a instalación de prazas reservadas para carga e descarga e para persoas con mobilidade reducida.

Comentarios