Sábado. 27.07.2024
El tiempo

O Polígono de Vimianzo medra con Gerca

VIMIANZO_CONSTRUCIÓNGERCA_1
O Polígono de Vimianzo medra con Gerca

A recoñecida firma Gerca ten Vimianzo no ADN. E por iso, o seu crecemento vai ligado ao da capital de Soneira. Desde os seus inicios busca xerar emprego na Costa da Morte, tendo xa máis dun centenar de traballadores.

E ese crecemento vai ligado tamén ao Polígono Empresarial de Vimianzo, que ve como as palas xa traballan estes días para a construción dunha nave de dúas plantas en dúas fincas que ocupan 2.600 metros cadrados.

A empresa especializada en fabricación de mobiliario metálico para interior e exterior, destinará esta nova nave á loxística e espazo de almacenamento, o que lles permitirá contar con remanente de diferentes produtos. Entre eles, por exemplo, están as marquesiñas de modelo rural que a empresa está a distribuír por toda Galicia e que moitas veces requiren dunha subministración rápida e eficaz.

Así pois, este novo espazo estará distribuído cunha zona de embalaxe, un almacén de produto rematado e un muelle de carga que permita xestionar a loxística de saída.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu a “firme aposta que Gerca fixo sempre por Vimianzo e por asentar as súas naves no noso parque empresarial, que non deixa de demostrar que é un dos principais creadores de emprego cos que conta a Costa da Morte”. A rexedora destacou “a importancia de que empresas como esta sigan medrando no noso municipio, xa que fortalecen o tecido económico e favorecen tanto ao resto de sectores como á veciñanza en xeral”.

 

Comentarios