Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Os Tesouros de Berdoias, xa en formato cartel

Berdoias 1
Os Tesouros de Berdoias, xa en formato cartel

Ao longo do 2021, recollemos en QPC, da man da Asociaciòn Parroquial de Berdoias e do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte unha completa serie arredor dos Tesouros de Berdoias. Unha recollida patrimonial que onte se trasladou ao papel, coa colaboración do Concello de Vimianzo.

A Antiga Escola desta parroquia acolleu onte o acto de presentación dunha serie de carteis confeccionados e deseñados integramente polas dúas Asociacións, coa colaboración de Manuel Rial, que que sintetizan os diversos tipos de patrimonio material da parroquia de Berdoias, e que xa se foron publicando no seu día por QPC. Uns carteis que recolle o patrimonio etnográfico, prehistórico ou relixioso desta parroquia ao longo da historia.

Estes carteis estarán instalados de xeito permanente neste local cun obxectivo prioritario: dar a coñecer a historia de Berdoias e dotar dun contexto a toda persoa que faga uso deste espazo. Neles pódense contemplar pombais, alvarizas, a casota e a mámoa de Freáns, o curro de Santa Cristina, fontes, pozos, lavadoiros, a igrexa parroquial e o cruceiro do Adro, a casa grande de Alonso de Lema II ou o pazo de Martiño de Castiñeira.

Ao acto acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; as concelleiras de Cultura e Benestar Social, Rosa Blanco e María José Pose; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel Pérez; Francisca Antelo, presidenta da Asociación Parroquial de Berdoias, e varios membros da mesma.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, comezou a súa intervención “agradecendo, en primeiro termo, a todas as persoas que fixeron posible que esta recompilación de bens patrimoniais sexa hoxe unha realidade plasmada nunha mostra como esta; á Asociación Parroquial de Berdoias no seu conxunto, así como ao Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e Manuel Rial”, destacando que “parece mentira que Berdoias teña tanto para contar, pero son innumerables os recunchos que esta parroquia nos pode ofrecer, e outorgaremos con estes ‘tesouros’ un contexto a toda persoa que faga uso desta Antiga Escola”.

Acceder a todas as entregas de Tesouros de Berdoias

Comentarios