Presentados uns orzamentos anti-crise en Vimianzo
O Alcalde de Vimianzo vén de entregarlle aos portavoces municipais o proxecto de Orzamentos municipais para 2014, que será ditaminado pola Comisión Informativa de Contas o vindeiro martes 25 de marzo. O pasado luns día 17 de marzo xa foron negociados cos representantes dos traballadores. “Son uns orzamentos para paliar os efectos da crise”, di o Alcalde.
Céntranse en "promover dinamismo económico, aumentando o gasto previsto en investimento e infraestruturas, o que dará lugar a unha notable participación das empresas en novas contratacións". Outro dos obxectivos do Orzamento é "xerar emprego de xeito indirecto, aumentando a contratación con empresas, e de xeito directo, coa creación de emprego temporal". “Aumenta o plan de emprego a 16 traballadores durante 3 meses para a limpeza de núcleos”, di o Alcalde. E destaca, tamén, a "aposta por unha sociedade dinámica e viva, a través do apoio ao movemento asociativo, e a aposta por mellorar a acción cultural e deportiva".
En cifras
O Orzamento previsto alcanza a cantidade de 5.285.834,89€, o que supón 500.000€ menos que o orzamentado en 2012 (primeiros orzamentos deste goberno). Mais, hai que ter en conta que 2012 estaban previstos máis de 800.000€ para o pagamento da sentenza da Casa de Cultura, as costas e os xuros. Respecto ao Orzamento de gasto prorrogado para o 2013 presenta un incremento de 669.862,86€, o que significa un 14’51%.
Ademais, no proxecto de orzamentos non se contan as previsións do DTC93 que alcanzan 250.000€. Isto significa que os orzamentos reais do concello para 2014, destinados aos servizos municipais van ser os máis elevados dos últimos cinco anos. “Grazas ao saneamento económico do noso concello emprendido por este goberno e á boa xestión, teremos os mellores orzamentos do período da crise en Vimianzo, nun contexto onde baixan a maioría dos orzamentos municipais”.
Problemas de reformas
Por outro lado, as reformas introducidas polo Goberno Central, principalmente o teito de gasto, limitan a capacidade de gasto do concello de Vimianzo. “Aínda que presentamos uns orzamentos equilibrados, con criterio de prudencia, é esperable que teñamos máis ingreso que gasto, e que non poidamos dispoñer deses ingresos”, queixase o Alcalde. “As reformas do PP castigan os concellos que xestionamos ben e temos bos resultados, impedindo facer uso de todos os ingresos previstos”, volve dicir o Alcalde. O exemplo máis claro é que na actualidade hai medio millón de euros de Remanente de Tesourería e que o Goberno Central obstaculiza o seu destino para gasto.
Os gastos
A principal distribución do gasto (32,38%) está prevista na área 1, de Servizos Públicos Básicos. Son aqueles de prestación obrigatoria polos concellos, xustificándose, deste xeito, o feito de ser a área de maior peso nas previsións de gasto. A área 9, Actuacións de Carácter Xeral (20,26%), recolle os gastos de carácter xeral, de administración, e dos órganos municipais. Séguelle no gasto a área 3 (16,18%), Producción de Bens Públicos de Carácter preferente. Son aqueles referidos á Sanidade, Educación, Cultura, Deportes e Ocio. Unha porcentaxe moi similar (15,47%) é dedicada ao gasto na área 2, Actuacións de Protección e Promoción Social. Son aqueles referidos ao Benestar Social. A continuación está o gasto previsto para a área 4, Actuacións de Carácter Económico (9,59%), no ámbito da Promoción Económica. Por último, na área 0, Débeda Pública (6,12%) recóllense os gastos en interese e amortización da débeda bancaria.
Se estudamos a variación do Orzamento de Gasto en función das asignacións ás políticas de gasto entre o Orzamento prorrogado de 2013 e o Proxecto de 2014, temos unha diminución de -223.605,60€ naquelas políticas de gasto menos prioritarias para o goberno municipal, e un incremento de 893.468,46€ naquelas outras que si considera de interese principal e prioritario.
O maior decrecemento dáse nas políticas de gasto de Órganos de Goberno e Administración Xeral, como consecuencia da intención do goberno municipal de reducir estes gastos en función dos servizos municipais. Tamén decrecen Seguridade e Mobilidade Cidadá e a Débeda Pública. Esta última con motivo das amortizacións feitas a finais de 2013.
O maior incremento prodúcese en políticas de Infraestrutura e Benestar Comunitario, seguidas de Vivenda e Urbanismo, Medio Ambiente e Deportes, que son aquelas nas que prioriza o goberno municipal a súa acción e que substentan a maioría dos servizos municipais. O incremento na Administración Financeira e Tributaria ten que ver co aumento dos gastos de recadación da Deputación polo previsible incremento desta. Tamén aumentan levemente Servizos Sociais e Promoción Social, e Cultura.
Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do Grupo de Goberno do Concello de Vimianzo.