O PSOE denuncia en Vimianzo a falta de investimentos da Xunta na Costa da Morte
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse esta pasada tarde en Vimianzo con cargos socialistas das comarcas de Bergantiños e Costa Atlántica para analizar o contido dos Orzamentos da Xunta de Galicia para o exercicio 2025. Tras o encontro, no que participaron o secretario provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, a deputada Patricia Iglesias e alcaldes, alcaldesas, portavoces municipais e secretarios e secretarias xerais socialistas da zona, Besteiro denunciou "a falta dunha aposta decidida por ese territorio e a ausencia total de proxectos por parte do Goberno de Rueda".
O Grupo Parlamentario vai presentar nas vindeiras datas unha completa serie de enmendas ás contas da Xunta. Entre elas, critica a "ridícula repeición de partidas baixas para proxectos tan importantes como a continuación da autovía da Costa da Morte, á que se lle veñen asignando fondos ano tras ano sen que se execute un só euro"
Tamén botou en falta financiamento para enfrontar bonificacións ás peaxes da AG-55, xusto nun momento no que Rueda vén de anunciar o rescate de catro autovías galegas, que funcionan con portaxes en sombra e, por tanto, non pagan os usuarios e usuarias.
José Ramón Gómez Besteiro comprometeuse a achegar unhas emendas que si respondan a esas inquedanzas, incluíndo todas as propostas que se están a trasladar dende os diferentes municipios.