Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Renovando a arqueoloxía castrexa dende Vimianzo

Renovando a arqueoloxía castrexa dende Vimianzo
Imaxe nocturna do Castro de Barreiras que quedara para o recordo-Foto- Erick Carlsson

Vimianzo converteuse esta fin de semana na capital galega da arqueoloxía. Uns 160 participantes encheron a comarca de Soneira de interese polo patrimonio no marco das "Xornadas Castrexas: Que sabemos dos Castros?", artelladas polo Concello de Vimianzo, a Asociación Cherinkas e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM).

Así de evocadoras remataron as xornadas cunha simbólica imaxe nocturna con todos os fachos prendidos no alto da muralla do Castro de Barreiras, un dos epicentros das Xornadas. Unhas xornadas ademais que deron unha nova visión da arqueoloxía galega, ancorada durante moitos anos pero que da man dunha nova xeración de auténticos profesionais, colle un rumbo novo, como nos demostraron co Primeira etapa da Torre dos Mouros.

Faremos, ao longo da semana, un repaso por todo o que os conferenciantes trouxeron en materia teórica, pero polo de pronto quedamos cun resumo das xornadas.

3 días de charlas, visitas e moito máis

Visita ao Castelo de Vimianzo e ao Castro de Barreiras-Fotos- Marta Rey

As xornadas comezaban o venres, cun itinerario polo Castelo da man de Xosé María Lema Suárez. O presidente da SEMESCOM realizou un repaso polos episodios históricos dos que a fortaleza foi testemuña desde os Moscoso ata o Asalto ao Castelo e a Mostra de Artesanía.

Unhas 65 persoas asistiron a esta primeira parte da visita, cantidade que se incrementou cando a expediciou chegou ao Castro da Barreiras onde Tito Concheiro agardaba a comitiva. Logo dunha explicación na entrada os participantes subiron á muralla para observar a beleza do xacemento castrexo.

Desde alí, sen tempo xa para parar no Pazo de Trasariz, todos para a Casa da Cultura onde se inauguraban as xornadas. Falaron, por esta orde, Míchel Antelo –Cherinkas-, Xosé Mª Lema- Semescom-, Manuel Varela Rey –xefe territorial de Cultura- e Manuel Antelo. A continuación unha conferencia do coordinador das xornadas Tito Concheiro, apaixoada e dinámica, sobre o Castro das Barreiras, e a sorpresa final coa actuación da vimiancesa Irma Macías, que interpretou "O meu país", de Luar na Lubre.

Xornada sabatina teórica e revolucionaria

Participantes nas Xornadas Castrexas de Vimianzo- Foto- Marta Rey

O sábado foi un intenso día de conferencias no que a participación chegou a 160 persoas, e onde os relatores deron unha visión novidosa e interesante dos xacementos castrexos que viñeron desmontar algunha das teorías das que se viña falando ao longo dos anos.
Sen dúbida o máis interesante os longos coloquios onde o público participou activamente e onde se manifestaron abertamente posturas contrapostas.

Ao remate da sesión, Cherinkas, Axvalso animados por Moncho Gándara argallaron unha actividade sorprendente reivindicando a posta en valor do xacemento alumeando con fachos a muralla do castro deixando unha impresionante imaxe desde o centro da croa onde se agrupaban os participantes escoitando as palabras de Tito Concheiro e entoaron o himno de Breogán. Sen dúbida a imaxe das xornadas, que vemos arriba.

Manuel Gago nas Xornadas Castrexas de Vimianzo - Foto- Marta Rey

O día de conferencias máis dinámicas e didácticas que conseguiron ter o público inmerso no tema a pesar de ser domingo pola mañá. A clausura das xornadas foi arredor das 14 horas, Tito Concheiro e Manuel Antelo foron os encargados de clausurar unhas xornadas exitosas, a teor da participación, que conseguiron facer realidade a premonición do arqueólogo, cando dicía que Vimianzo se convertería na capital da arqueoloxía a fin de semana. Manuel Antelo agarda que estas xornadas serivsen tamén para que desde a Xunta de Galicia se poña un gran de area para poder facer realidade a escavación.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios