Luns. 07.10.2024
El tiempo

Unha viaxe pola nosa memoria coa vimiancesa Dolores Canosa

Unha viaxe pola nosa memoria coa vimiancesa Dolores Canosa

Cando se unen varias das entidades máis activas da bisbarra, éxito seguro. Así ocorría esta pasada fin de semana na Casa da Cultura de Vimianzo, que acollía a presentación dun libro moi especial da man do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte e as Asociación Xuvenil Cherinkas e a Asociación Xuvenil Axvalso.
A protagonista non foi outra que a escritora vimiancesa Lola Canosa, que presentou o seu primeiro libro en medio dunha inusual expectación, pois non é habitual unha entrada de unhas 150 persoas para eventos coma este.

Este "Mar e Terra", un libro sobre a súa familia en tempos franquistas no calquera familia do país se pode sentir identificada, foi introducido polo seu editor, o sociólogo Alexandre Banhos, e o prestixioso historiador da comarca Luís Lamela. Alexandre Banhos centrouse en defender a forma na que está escrito -galega a todas luces-.
Máis emotivo se cabe estivo o historiador corcubionés, ao que lle saltaron unhas bágoas que estremeceron ata o público e á propia Dolores. Lamela centrouse no seu fondo, o que recibiu as súas loubanzas: unha historia determinada, a da familia da autora, baixo o réxime franquista que é, á vez, historia indeterminada de tantas familias na Galicia da época. Ademais Lamela trouxo datos sobre o asunto, e tamén ten un libro sobre os "Escapados" na época franquista nas faldas do Pindo.

Pola súa parte, Lola Canosa explicou o proceso que lle levou a sacar ao prelo esta obra. Falou do seu desacougo por non deixar morrer a chama da memoria da súa familia e por transmitirlle as xeracións vindeiras a necesidade de non esquecer o pasado, sempre alimento do presente. Falou dos valores de antano, hoxe tristemente perdidos: colectividade, solidariedade, vontade, intelixencia, valentía, forza, amor. Todo iso se pode escoitar no libro.

O acto de presentación foi seguido dunha charla-coloquio cos alí presentes, debido á identificación con aquilo que os tres intregrantes da mesa falaban. Cómpre destacar a "culpabilidade" do acto, que recae en Chus Barbeira, a grande artífice desta presentación xunto co presentador Míchel Antelo. Detrás da organización tamén estivo o Concello, na persoa de Marta Rey, mentres que o cartaz é obra do artista Carlos Clerins.

Unhas palabras con Lola

Falando coa propia Lola Lema decatámonos da forza desta vimiancesa do mundo. I é que tras pasar máis de 23 fóra da Costa da Morte (ata 6 intensos anos de mestra en Marrocos) a posta en sociedade deste pasado sábado foi un momento moi especia. "Sentinme moi arroupada e apadriñada pola moita xente que había alí, foi como volver á infancia. De feito, ata unha veciña tróuxome unha foto de cando tiñamos 4 anos. A verdade é que o día foi para min unha felicidade total, e aínda hoxe parei de chorar".

Moito significa este libro para Lola. "Con este libro, que leva as cousas que me foron transmitindo o meu pai e a miña avoa dos tempos franquistas, quero que os meus fillos e sobriños teñan constancia de como vivíamos os seus familiares. De feito o libro nun principio non era máis que un recordo para eles, pero despois alguén o leu e lle gustou. Primeiro editei unha primeira parte aquí en Vimianzo, e despois acabeino e lle gustou a xente, e ademais ao escribilo en galego reintegrado, abriuse a posibilidade de editalo a través dunha Fundación".

O libro ten un significado máis alá, pois con el Lola salda unha débeda que lle quedara co seu pai. "I é que o meu pai non puido ser enterrado por un problema co cura hai 10 anos e tivémolo que incinerar pola nosa conta. Ademais o seu pai tampouco fóra enterrado pois fóra fusilado. Eu levaba moitos anos con este peso enriba, e con este libro podo acabar con esta cadea de orfandade".

Lola remata a conversa apuntando unha frase que define o paso dos tempos: "A vida da miña avoa foi de hardcore, a miña xa heavy metal e a dos meus fillos van en clave de blues, e porque non teñen traballo senón sería salsa".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios