Vimianzo conmemora o 25N ensinando ás crianzas a dis-tinguir o maltrato
O Concello de Vimianzo conmemora o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, ensinando ás crianzas dos centros educativos da localidade a "dis-tinguir" o maltrato.
A actividade desenvolverase o propio 25 de novembro, de 11:00 a 13:00 horas, na Praza do Concello. Alí, rapaces e rapazas pintarán a súa propia camiseta contra a violencia de xénero. Poderán empregar todo tipo de cores e materiais, tinguindo a súa camiseta de mensaxes que reivindiquen a necesidade de acabar coa violencia contra as mulleres.
Deste xeito, tal e como explica a concelleira de Benestar Social, María José Pose, “o noso obxectivo é que os rapaces e rapazas distingan a violencia machista e saiban detectar comportamentos de malos tratos” e destacou a importancia “de achegar estes temas ás novas xeracións. Eles son o futuro e é de vital importancia que recoñezan estes comportamentos que acaban coa vida de moitas mulleres ao longo do ano”.