Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Vimianzo foi sede do primeiro Foro Atlántico Empresarial

FORO ATLÁNTICO EMPRESARIAL Vimianzo 2
Vimianzo foi sede do primeiro Foro Atlántico Empresarial

Acolleu a Casa da Cultura de Vimianzo a primeira edición do Foro Atlántico Empresarial. Un espazo no que empresarios, técnicos e representantes das diferentes administracións públicas, puxeron en común a situación actual entorno aos parques empresariais dende esixencias ou requisitos necesarios ata axudas ás que se pode acceder.

A importancia de xuntar todos estes datos nunha soa xornada foi o que motivou a Suelo Empresarial de Atlántico (SEA) a organizar este primeiro foro que se inaugurou en Vimianzo e que se trasladará a outros Concello sao longo dos próximos meses.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, foi a encargada de abrir o foro. Durante a súa intervención, a rexedora asegurou que se trata dun orgullo "que sexa Vimianzo o lugar no que se inaugura este foro", que define como unha oportunidade única "para escoitar a expertos neste eido, a autónomos, emprendedores e empresarios e coñecer as cuestións máis importantes sobre empresa, urbanismo e territorio, así como os beneficios de instalarse nun polígono empresarial". Xunto a ela, Beatriz Sestayo, xerente de SEA, quen agradeceu ao Concello de Vimianzo a súa enorme hospitalidade.

Pola súa parte, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López, detallou algunhas das iniciativas postas en marcha por parte do Goberno de cara á creación de emprego “estamos comprometidos coa modernización, coa adaptación, coa creación de emprego e, por suposto, a mellora das condicións laborais”.

FORO ATLÁNTICO EMPRESARIAL Vimianzo 3

Mesas de diálogo

Tras as súas intervencións, comezou a primeira mesa diálogo baixo o título de Empresa, Urbanismo e Territorio. José Rey Hermida, avogado e responsable comercial de SEA disertou sobre o dereito de superficie, unha modalidade que SEA desenvolve nos polígonos industriais que xestiona e que facilita aos empresarios a posibilidade de alugar con opción a compra as parcelas nos parques empresarias.

Rosa Ana Gacía, deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña falou sobre a administración local e a promoción económica do territorio. Para pechar esta mesa, a xornalista Olga Villar Becerra informou aos presentes sobre o bo uso da comunicación e as redes sociais na mellora da empresa.

Despois da quenda de preguntas, suxestións e dúbidas que abriu un diálogo entre empresarios e ponentes, iniciouse a segunda mesa, «Apoios á instalación de empresas en parque empresariais». Nela interviñeron José Manuel Fernández, subdirector de Asesoramento Empresarial e Oficina Económica do IGAPE. José Carlos Díaz, técnico de proxectos do Programa de Emprego Local da Deputación da Coruña, que falaron sobre as axudas do IGAPE e do ente provincial ás empresas.

Experiencia costeira

Outras ponencias desta mesa son: «Estratexias do GALP Costa da Morte. Axudas a empresas en parques empresariais», a cargo do xerente Guillermo González Díez; e «Estratexia do GDR Costa da Morte. Axudas a empresas en parques empresariais», impartida polo seu xerente, José Antonio Vila García.

Reto demográfico

FORO ATLÁNTICO EMPRESARIAL Vimianzo 1
A alcadesa de Vimianzo Mónica Rodríguez, xunto ao secretario xeral de Desafío Demográfico, Francesc Boya, o Delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco, e a xerente de SEA, Beatriz Sestayo

O secretario xeral para o Reto Demográfico, Francesc Xavier Boya Alós, foi o encargado de clausurar o evento. Durante a súa intervención abordou a problemática á que está facendo fronte o medio rural e as medidas impulsadas desde o Ministerio: “Por primeira vez, unha política de Estado loitando contra o despoboamento, abordando os desequilibrios ámbitos territoriais garantindo o benestar e a calidade de vida dos cidadáns en todos os territorios e impulsando un modelo sustentable e un desenvolvemento social e económico equilibrado dos nosos pequenos concellos e no rural”, sinalou.
Ademais, durante a súa intervención explicou o ‘Plan de 130 medidas frente al Reto Demográfico’, co que os pequenos municipios se incorporan á axenda de transformación do Plan de Recuperación, recibindo inversións que, no caso de Galicia, supuxeron 711 millóns de euros entre 2021 e 2023.

Máis novas

Comentarios