Viki Rivadulla volve expoñer en Vimianzo as súas Mouras
“Onde habitan as Mouras. Cartografías de Nós", é o título da nova exposición que Viki Rivadulla, inaugura este venres 6 de marzo ás 20:00 horas na Sala de Exposicións Antón Mouzo, na Casa da Cultura de Vimianzo. Un evento que se enmarca nas actividades organizadas polo Concello para conmemorar a efeméride do 8M, Día Internacional da Muller.
“Onde habitan as mouras. Cartografías de nós” é un proxecto sobre a natureza e a relación do ser humano coa mesma. "Un ser humano que é un elemento máis desa natureza. Por tanto tamén é un proxecto sobre como estamos no mundo os seres humanos. E o que facemos co medio no que habitamos".
Esta exposición fala da "necesidade de procurar un mundo máis solidario e sostible, no que os coidados da natureza sexan prioritarios e camiñemos cara unha comunidade ecoloxicamente responsable. É imprescindible buscar alternativas que enfronten o cambio climático e o ecocidio. As consecuencias de non facelo estámolas vendo", relata a artista muxiá.
E neste sentido teñen moito que dicir "as comunidades indíxenas e rurais que deixan un legado de coñecementos e coidados, mais tamén de loita na defensa dos territorios e a natureza, ameazados por un xeito de xestionar o mundo que produce guerras, catástrofes, desigualdade e destrución".
A mostra alerta de que "o mesmo perigo sofren as linguas dos pobos, que tamén son ameazadas coa súa desaparición. Mais unha lingua non é solo un vehículo de expresión, é o sostén dunha concepción do mundo, dunha literatura, dunha identidade. Cando unha lingua é ameazada é ameazada a identidade do pobo que se expresa e coñece o mundo a través dela".
E aquí o papel das mulleres é fundamental. "Por una banda, as mulleres son vítimas dese espolio que o capitalismo salvaxe exerce sobre corpos e territorios. Mais tamén son as mulleres as que lideran o desenvolvemento de concepcións alternativas sobre a sociedade e que reduzan a destrución da natureza e o hábitat de animais e seres humanos. Esas mesmas mulleres lideran os movementos de loita en defensa dos territorios e tamén son produtoras de saberes valiosos para as comunidades".
"As mulleres que traballan a terra coñecen a conexión coa terra e os seres vivos e son tecedoras de redes de coidados para a natureza, animais e o ser humano, que é un elemento máis deste sistema. Mais un ser que acadou un poder sobre o mesmo, e que está empregándoo mal, dun xeito altamente destrutivo. E aquí chega o problema, a encrucillada na que estamos:
É evidente que vivimos una crise global. O sistema colapsa. A terra xeme. Non imos facer nada? Escoitemos a voz das sabias se aínda queremos gardar algo do que nos foi legado, se queremos conservar a vida sobre a terra".
Este proxecto recorre á figura da moura para falar deste grave problema. "As mouras poden ser metaforicamente estas sabias coidadoras da terra e do legado tanto do patrimonio natural, como do patrimonio inmaterial que asenta sobre este territorio, xa que as mouras habitan na natureza salvaxe do noso territorio e tamén no patrimonio inmaterial -as lendas-. Ambos: o territorio e o patrimonio inmaterial configuran a nosa identidade. Porque realmente a exposición non vai de mouras. Vai do lugar onde habitan as mouras."
A presente exposición completa a temática que xa iniciou coa miña anterior serie, “Atlánticas. Mulleres do Nordés” que afondaba na relación das mulleres do mar co seu medio e buscaba dar visibilidade ás mesmas.
Horario de visita
A mostra poderá visitarse ata o 19 de abril.
- De luns a venres: de 9:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h
- Sábados: de 9:00 a 14:00 h e de 20:00 a 22:00 h







